Vigo: mais multas para membros d’a Ria Nom se Vende

"Mentres os politiqueiros se empeñan en degradar o noso medio natural, defendelo é delito", denuncian dende A Ría non se Vende, colectivo que fai parte da plataforma Galiza non se Vende. Agora, moitos dos seus membros terán que se enfrontar ao pago dunhas 18 multas, por un importe total que chega aos oito mil euros, só "polo feito de defender o medio natural, e facelo dun xeito completamente pacífico", denuncian.

As primeiras multas, unha decena delas, chegaron após participar na ocupación da Illa de Toralla, a finais do pasado verán. As sancións van dos 350 aos 650 euros, e chegaron aos domicilios de varios activistas que foron identificados pola policía española na "pacífica e festiva acción da toma da Illa, onde se criticaba a especulación urbanística, ás agresión á ría e a privatización ilegal do paso", sinalan dende o colectivo.

A Ría non se Vende tamén organizara un acto de protesta contra un campionato de Powerboat -a fórmula 1 das lanchas a motor- que se desenvolveu en setembro en Vigo e durante o que se quería "protestar polo ruído insoportábel que producen estas embarcacións e que prexudican gravemente a todas as formas de vida que moran na ría e na contorna, especialmente ás familias de arroaces e as aves do Parque Natural das Illas Atlánticas". Porén, aquel día un dos activistas foi identificado polo policía, e o pasado mes de novembro tivo que acudir a xuízo, acusado de "insultar, ameazar e amedrentar a dous policías que tiveron que abandonar a zona" e de "impedir o paso ás autoridades participantes no acto". Esta persoa vese obrigada a pagar, agora, outra multa de 280 euros.

Multas tras o violento desaloxo en Vigo

As últimas sancións, sete, son de 650 euros e chegáronlles a aquelas persoas que participaron na ocupación do edificio administrativo da Xunta en Vigo, o pasado 13 de novembro.&nbsp

A mobilización fora convocada pola plataforma Galiza non se Vende, para denunciar outras catástrofes ecolóxicas de danan o país, no sexto aniversario do afundimento do Prestige. A sede da Consellaría de Medio Ambiente en Compostela, os edificios administrativos da Xunta en Vigo e A Coruña, e os Concellos de Ferrol, Ribadavia e Mugardos foron ocupados, mais só en Vigo houbo problemas. "Mentres nas outras cidades non pasou nada, en Vigo a sede da Xunta foi tomada pola policía e os manifestantes fomos desaloxados a empurróns, de xeito moi violento, e identificados ás portas. Só iamos presentar no rexistro o noso manifesto, mais nin iso puidemos facer", contoulle a Vieiros Duarte Ferrín, membro do colectivo, quen tamén denunciou que os activistas d’A Ría non se Vende "están no punto de mira da policía e da Subdelegación do Goberno español. Semella que hai unha represión dirixida cara nós, mais algunhas persoas que participaron na ocupación pacífica puxéronlle unha denuncia á policía pola violencia do desaloxo", concluíu.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS