«Unha desorde por ordenar», avalía a FEG do urbanismo no litoral

"O urbanismo galego, aínda herdando un modelo de dispersión, nunca sufriu unha desorde tan indiscriminada como nas últimas décadas", expoñen desde a Federación Ecoloxista de Galicia (FEG). "Isto xa é unha verdade incontestábel, e compartida por todos os sectores implicados, incluso polos propios promotores urbanísticos", advirten.&nbsp
Por este motivo, e aproveitando a celebración recente do Día da Terra, a FEG organizou esta fin de semana pasada un acto simbólico na praia de Silgar, en Sanxenxo, baixo o lema ‘Non tapemos a costa. Protección do litoral xa’. De xeito concreto, a FEG aproveitou para resumir as súas propostas para a reforma do urbanismo aplicado no litoral do país, cun argumentario baseado en dous eixos.&nbsp
En primeiro lugar, piden "unha xestión integral do litoral", necesidade que fixan nun proxecto "ambicioso, pero preciso se se quere realizar políticas acertadas para todos, e non só para uns poucos". "Un modelo de desenvolvemento sostíbel debe planificar estratexicamente estes usos e zonificar o terreo, seguindo uns criterios definidos e consensuados con eses sectores: mineiros, industriais, pesqueiros, turísticos, vivenda e infraestruturas, conservacionistas…", expoñen. Unha vontade de redefinición que, subliñan, debera explicitarse nun Plan de Ordenamento do Litoral, como ferramenta para comezar a buscar solucións "ao urbanismo salvaxe ou ao emprazamento irracional de grandes industrias no litoral que esta a causar graves prexuízos no noso ambiente, paisaxe, saúde e economía". Por outra parte, os ecoloxistas tamén suxiren a posibilidade de penalizacións fiscais para as segundas residencias.
NOTICIAS ANTICAPITALISTAS