Um ano de Governo Feijó, um ano mais de produtivismo
O ecoloxismo confúndese a miúdo co ambientalismo ou co conservacionismo. O produtivismo é unha ideoloxía silenciosa, na que ningúen se recoñece, mais iso non lle resta operatividade. A contradición entre produtivismo ou industrialismo e ecoloxismo está practicamente ausente do debate sociopolítico galego. O ecoloxismo, orfo de "creadores de opinión" mediáticos e con cativa expresión organizativa, confúndese a miúdo co ambientalismo ou co conservacionismo, malia estes non asumiren o carácter sistémico da problemática ambiental e non defenderen unha transformación radical do sistema socioeconómico en chave de sustentabilidade local e global. O produtivismo é unha ideoloxía silenciosa, na que ningúen se recoñece, mais iso non lle resta operatividade. 
Da mesma forma que podemos situar as principais forzas políticas do noso país nos eixos esquerda-dereita ou galeguismo-españolismo, tamén as podemos situar no eixo ecoloxismo-produtivismo, non por ignorado menos importante que os anteriores. Sobran as evidencias para asegurar que todas as organizacións partidarias relevantes na escea política galega se sitúan do lado produtivista. Constatar esta realidade non supón negar ou desprezar as diferenzas entre os partidos. Non son todos iguais, non son todos igualmente produtivistas, mais certamente ningún é ecoloxista.
Asumida a realidade anterior, non constitúe ningunha sorpresa comprobar que os impactos das mudanzas de goberno na Xunta, no que atinxe á sustentabilidade ecolóxica, resulten bastante limitados. As diferenzas entre uns e outros gobernos non son tantas nin tan importantes, por moito que a tendencia á teatralidade que caracteriza a política partidaria, convertida nun falar para a feira, procure magnificalas perante a opinión pública. O que predomina é o continuismo no produtivismo.
Polo visto no primeiro ano de Feijoo como presidente da Xunta, confírmase a expectativa do debilitamento xeral do que podemos chamar contidos ambientais da acción gobernamental. A reforma da Lei do Solo e das Normas do Hábitat, o abandono do Plan de Acción fronte ao Cambio Climático (ambicioso para a actual Xunta malia conformarse con desacelerar, que non reducir, as emisións), o apoio á piscifactoría de Pescanova en Touriñán ou o recorte  do orzamento para a educación ambiental son mostra diso. Asistimos co regreso do PP ao poder autonómico a un reforzo do produtivismo, se ben tamén é verdade que no que levamos de lexislatura se tomaron decisións que deixaron en evidencia o pobrísimo compromiso coa defensa ambiental do Goberno bipartito, tais como a cancelación das piscifactorías de Corrubedo, Seiruga e Merexo ou a licitación dun plan para promover os modos de transporte non motorizados.
Mais a principal valoración a salientar é que a procura da sustentabilidade -entendida como algo que vai moito máis alá de salvar  espazos naturais emblemáticos ou construír depuradoras- segue sen estar no centro da acción da Xunta. O decrecemento no consumo de enerxía e de materiais, a redución da pegada ecolóxica global, a conservación da diversidade biolóxica, a procura do maior grao posíbel de autosuficiencia enerxética e alimentaria,  a reconversión ecolóxica do transporte,… continúan a ser obxectivos alleos ás políticas autonómicas.