Porque se salva o camarada Fraga?

Retirada de distincións honoríficas a ministros da Ditadura

¿POR QUE SE SALVA AO “CAMARADA FRAGA”?

O Pleno da Corporación Municipal da Coruña vai ratificar o próximo luns,1 de marzo, a retirada de 21 distincións honoríficas, en aplicación da Lei da Memoria Histórica, que xa fora aprobada no Pleno de 7 de setembro de 2009:

Retirada ao ditador Francisco Franco dos títulos de Fillo Adoptivo e Predilectísimo, Alcalde Honorario e Medalla de Ouro da cidade.

Retirada do título o título de Fillo Predilecto a : José Millán Astray, Juan Canalejo e Mariano Gómez Zamalloa.

Retirada do título de Fillo Adoptivo aos ministros de Franco: Camilo Alonso Vega, José Castañón de Mena, José Antonio Girón de Velasco, José Ibáñez Martín, Pedro Nieto Antúnez, Tomás Garicano Goñi, José Solís Ruíz. Capitáns Xerais: Francisco Delgado Serrano, Mohamed Ben Mizzian Bel Kasem. Tamén a Enrique Cánovas Lacruz, Rafael Hierro Martínez e José María Salvador y Merino.

Retirada da Medalla de Ouro da cidade a: Luis Carrero Blanco (Vicepresidente do Goberno e ministro de Franco) e Fermín Gutiérrez Soto.

Retirada do título de Concelleiro Honorario a Juan Canalejo.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) considera unha boa noticia este acordo do concello da Coruña e apoia as argumentacións do Goberno Municipal para rexeitar as alegacións presentadas, pero non entendemos as razóns que pode haber para salvar ao “Camarada Fraga” e manter o seu título de Fillo Adoptivo da Coruña, cando esa mesma distinción é retirada a outros oito ministros da Ditadura.

Advertimos que o cualificativo de “Camarada Fraga” non é cousa da CRMH, xa que así figuraba no BOE de 9 de febreiro de 1961: “Cesa el camarada Manuel Fraga en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados (firmado por Francisco Franco)”.

Lembremos que a distinción de Fillo Adoptivo foi concedida en 1968, cando Fraga se sentaba no Consello de Ministros e participaba activamente en toda a política represiva e criminal da Ditadura. Adxuntamos algúns datos biográficos sobre o falanxista “Camarada Fraga”, así como os servizos prestados á Ditadura, que lle fixeron merecedor desa distinción de Fillo Adoptivo da Coruña.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS