Patronato de telemarketing mostra falta de vontade para negociar novo convénio

A patronal de Contac Center, como gustan en chamarse xa que a sociedade considera pexorativo o termo telemárketing, non ten intención de negociar un novo convenio colectivo en tanto non exista sentenza definitiva sobre a suba salarial que as empresas adebedan aos traballadores/as, correspondente aos anos 2009 e 2010. Non obstante, dende a CIG-Banca sospeitan que, aínda que houbera sentenza definitiva, a patronal non ía negociar, xa que “están demasiado cómodos co marco actual”.

A CIG-Banca informou que na reunión prevista para falar de tempo de traballo, cada un dos sindicatos presentou a súa propostas recollidas nas distintas plataformas. A patronal contestou na súa liña: quere recortar dereitos en materia de IT e que prefería que en cada unha das reunións se presentasen as propostas para entrar con posterioridade na negociación real.

“Cando a ACCE decidiu non pagar a suba salarial defendemos a necesidade de avanzar na unidade de acción sindical e promover mobilizacións xerais no sector para non dar unha imaxe de debilidade sindical ante o abuso patronal”, lembran dende a Federación de Banca. Noutros sectores onde o persoal gaña máis que no de telemárketing e teñen mellores condicións económicas, todos os sindicatos se uniron e mobilizaron, conseguindo acordos de abono da suba prevista á espera da sentenza.

O vindeiro día 14 de abril está prevista unha nova reunión, onde cada quen defenderá a súa Plataforma no referido a Clasificación Profesional. A patronal calará e fixarase unha nova data para falar dun novo punto.

A negociación do Convenio Colectivo nace bloqueada pola actitude prepotente da patronal, e “antes que cedo verémonos obrigados a tomar medidas conxuntas e comezar por defender a suba salarial dos anos 2009 e 2010”, advirte a CIG-Banca.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS