Paremos a Israel. Palestina libre!

O estado de Israel, que leva mais de 50 anos practicando o terrorismo de Estado contra o pobo palestino, deu esta semana o último paso no seu plano de aniquilación árabe sobre o que se sustenta a súa existencia. Tras meses de brutal bloqueo contra a faixa de Gaza, agora o exército de ocupación bombardea e ameaza con unha invasión militar aquela zona, unha agresión destinada a destruir a resistencia, causar o maior número de danos e consolidar así o seu dominio na zona.

Ante isto, desde o Movemento pola Base:

-Repudiamos a agresión contra o pobo de Gaza, último dos crimes de Israel contra o pobo palestino que durante anos serviron para manter o apartheid sionista na zona: roubo de terras, asasinatos, detencións arbitrarias, muro de Cisxordania, destrución de vivendas e de recursos produtivos, cortes de sumistro de auga e enerxía, e un longo etcétera de agresións aos que sumamos agora este brutal ataque.

-Sinalamos a responsabilidade directa dos Estados Unidos como principal apoio do sionismo e do Estado de Israel, a cumplicidade da Unión Europea e a pasividade da ONU, de quen deben ser esixidas medidas e sancións contundentes para parar o masacre.

-Esiximos, tal e como solicitou o BNG no Parlamento Galego, a plena ruptura de relacións económicas e diplomáticas con Israel.

-Chamamos á sociedade galega a sair á rúa e mobilizarse contra a agresión sionista, en defensa da liberdade do pobo palestino, e dunha solución xusta que remate coa ocupación e o réxime racista de Israel e permita a todos os palestinos vivir na súa terra con dignidade.

Podes ver as concentracións convocadas na Galiza até o momento na páxina de Galiza por Palestina

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS