Parados e delegados/as da CIG-Construción paralizan as obras do Auditorio de Vigo polos incumprimentos do convenio

Ás 16 horas do martes 16 de marzo os traballadores e delegados/as da CIG que estaban ocupando as obras do Auditorio en Beiramar decidiron abandonar este espazo, xa que o obxectivo de paralizar as obras en toda a xornada, facer unha asemblea con todo o persoal, e informar sobre os incumprimentos do convenio que nesta obra se dan xa se conseguira. O mércores 17 ás 11.30 comparecerán diante dos medios de comunicación no local da CIG de Vigo ara dar a coñecer a convocatoria de novas accións de mobilización, responder ás declaracións do alcalde de Vigo sobre a súa responsabilidade nas obras do Auditorio e no que alí poda acontecer, asi como para valorar a acción desta xornada.

Ás once e cuarto da mañá era a hora acordada, na estación de servizo de Beiramar, onde os traballadores parados do sector da construción e os delegados/as da CIG combinaran para levar adiante unha acción de protesta e denuncia da situación que se vive na Construción cun forte aumento do desemprego e unha precarización das condicións laborais, con constantes incumprimentos do convenio en canto a exceso de xornada, salario e contratación irregular.

Ocupación das obras do Auditorio

O obxectivo era paralizar as obras que se están a realizar na Avenida de Beiramar, no que será o Auditorio e Pazo de Congresos da cidade olívica. Perto de 60 persoas entraba nestas obras, e mentres se despregaban faixas denunciando o exceso de xornada que se realizaba neste obra, entre 10 e 12 horas diarias malpagas, o resto do persoal entraba na obra para tentar paralizar a actividade neste edificio en construción.

Antes das doce xa estaba paralizada toda a actividade e repartíanse entre os traballadores desta obra follas informativas informando dos dereitos fixados polo convenio. Ademais realizabase unha asemblea con todos eles, chamando á mobilizarse e concienciarse na defensa dos seus dereitos laborais, e incidindo na necesidade de en tempos de crise realizar un reparto do traballo para que máis persoas podan continuar no sector e abandonar o desemprego.

Xantar na obra

O persoal presente nesta acción decidiu continuar até as 16 da tarde, mesmo realizando un xantar colectivo nestas obras, para mostrar a súa firme vontade de mobilizarse e facer responsábel ás Administracións, que, como neste caso, adxudica ás obras a unha empresa e logo se desentende do que aconteza nas construcións dos seus propios edificios. Nese sentido, fixeron un chamamento ao alcalde de Vigo, para que se sentara a falar cos sindicatos sobre as numerosas irregularidades que se dan nas súas obras, mais Abel Caballero trasladou a responsabilidade á empresa adxudicataria e pasou por alto este tema.

Declaracións do secretario nacional

Xoán Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción compareceu diante dos medios de comunicación presentes nesta acción, para explicar esta mobilización na que "denunciamos que nas obras da Administración, como xa fixeramos nas do AVE, pois que son o exemplo do que non habería que facer en canto ao cumprimento do establecido polo convenio laboral. Aquí traballanse entre 10 e 12 horas, a 7 euros á hora, moi por debaixo do fixado no convenio".

Reparto do traballo

"Agora en momentos de crise cremos que alí onde hai traballo se ten que repartir, partindo da legalidade e de que se cumpra o convenio. Ali onde 4 traballadores fan 10 horas podería haber un quinto máis , é dicir, un 25% máis de emprego, e na provincia de Pontevedra aínda non se chegou a esa cifra de desemprego na Construción", engadiu Melón.

Demandaron accións efectivas "indo obra a obra e trasladar este debate á sociedade, porque o traballo hai que repartilo". Nese sentido, denunciaron que as empresas continúan a aproveitarse dos traballadores estranxeiros, "xa que hai un deixar facer por parte das Administracións para que isto aconteza, porque o que lles interesa é sacar as obras adiante sen valorar as condicións de traballo da xente, de fora ou de aqui".

Por último, solicitou que "nos reciban os portavoces dos distintos grupos municipais e o alcalde como máximo responsábel do concello de Vigo para contarlle o que está pasando, e as solucións que temos, porque cremos que hai que exercer un control e unha vixilancia para que a obra continúe pero dentro do marco fixado polo convenio provincial da Construción".&nbsp

Galeria de imaxes

Vídeo: http://www.galizacig.com/avantar/multimedia/videos/16-3-2010/parados-e-traballadores-da-construcion-paralizan-as-obras-do-auditorio-d

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS