Os traballadores do metal en folga ocupan o Salón do Automóbil no recinto feiral de Vigo (con VIDEO)

Publicidad

O 7 de maio arrincaba unha nova xornada de folga para o sector do Metal na provincia de Pontevedra. Desde primeira hora da mañá xuntáronse os piquetes nas distintas zonas, para as dez da mañá achegarse até o Recinto Feiral de Vigo, Ifevi, onde ocuparon o Salón de Automóbil, que estes dias está neste espazo, pechando as portas do recinto "porque hoxe o salón do Automóbil é para os traballadores do Metal e para ninguén máis". Mentres en Pontevedra, o grupo de piquetes de Marín ocupaba a sede dos empresarios desta comarca, asi como se pechaban no Hotel no que se celebraban unhas Xornadas sobre a Lei Concursal.&nbsp

As concentracións diante das principais áreas de traballo marcaban de novo a segunda xornada de folga polo desbloqueo das negociacións do Convenio do Metal da provincia de Pontevedra.

Asi desde primeira hora da mañá xuntábanse tanto na comarca de Vigo como na de Pontevedra os distintos grupos de piqquetes, que en Vigo cortarían as rotondas máis próximas a eses centros de traballo, nas zonas os estaleiros e na Avenida de Madrid e Vincios.

Ocupación da sede dos empresarios en Pontevedra

En Pontevedra, o piquete de Marín decidiu ocupar a sede dos empresarios desta comarca, a Cámara de Comercio, onde permaneceron máis dunha hora pechados. Despois encamiñaron os seus pasos até o Hotel Galicia Palace na cidade de Pontevedra, onde se estaban a celebrar as "IV Xornadas en torno á Lei Concursal", na que se reuniron membros da Camara de Comercio e administradores concursais, e cos que se pecharon polas consecuencias que esta Lei Concursal está a ter para moitas empresas do sector en crise.

Despois decidiron en asemblea marchar até a Delegación da Xunta nesta cidade, onde se reunión co Delegado do goberno autonómico en Pontevedra, que lles transmitiu que a Xunta se reuniría coa patronal e os sindicatos o venres 8 de maio.

Peche no Salón do Automóbil

Pouco despois das dez da mañá centos de traballadores entraban no Salón do Automóbil, mentres os delegados e delegadas de empresa transmitían aos seus compañeiros e compañeiras en folga, que permanecían nos piquetes cortando o tránsito, que a acción que se ía realizar nesta xornada era a de acudir até o Ifevi e ocupar o Salón de Automóbil.

Asi, a chegada dos traballadores en folga pillou de sorpresa no propio recinto e tamén a policia, que cando se quixo interpor no camiño dos folguistas, o propio xerente do Ifevi permitiu a entrada dos traballadores do Metal e pregou aos antidisturbios (unha dotación), que non obstaculizase a súa entrada e que se retiraran.

O Ifevi acolleu unha asemblea de traballadores na que o secretario de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, apuntou que "hoxe o Salón do Automóbil é para os traballadores do Metal e non vai entrar ninguén máis, non vai haber máis público". Nese sentido, delegados e delegadas do sector mantivéronse nas portas para controlar o acceso, e que só os traballadores e traballadoras do sector accederan a este espazo.

Avaliación moi positiva das 48 horas da folga

Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, avaliou dun xeito moi positivo estas dúas xornadas de folga xa que "na primeira conseguimos un paro xeralizado, que hoxe nos posibilitou realizar esta acción da ocupación, que nos serviu para ter repercusión mediática en todo o Estado, en todos os medios de comunicación, e que foi un altofalante para visibilizar todas as nosas demandas".

O secretario nacional da CIG-Metal reclamou aos empresarios que senten "con outra actitude" e subliñou que a participación de traballadores nestas dúas xornadas de folga "demostra a unión e forza do sector a pesar da crise".

Mediación de Traballo o venres

Pola súa banda, a Consellaría de Traballo e Benestar Social informou de que enviou á primeira hora da mañá do xoves 7 de maio unha comunicación a ambas as partes, coas que espera reunirse por separado, nuns encontros nos que estará presente a Inspección de Traballo e a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares. O obxectivo é "desbloquear o conflito" na mesa de negociación do convenio.

A primeira entrevista será cos sindicatos, aos que seguirá a patronal. No caso de que se producise un achegamento das posturas, as negociacións comezarían o vindeiro luns, apuntou a consellaría nun comunicado.

Galería gráfica

Aqui, nesta ligazón, tedes máis imaxes e vídeo desta xornada na cidade de Vigo.&nbsp

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados.

This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish. Accept Read More