O persoal de Alfageme de Vigo irá á folga o 14, 22 e 28 de outubro

O Comité de Empresa de Alfageme do centro de traballo desta conserveira en Vigo, xunto aos representantes sindicais de CIG e UGT, deron o martes 13 de outubro unha rolda de prensa para dar a coñecer o seu posicionamento contrario ao plan de viabilidade, asi como o seu rexeitamento á xestión que se está a realizar desde o Consello de Administración por parte de Juan Lago, da inmobiliaria Promalar. Ademais informaron de que aínda non cobraron o salario do mes de setembro e a empresa está nunha situación de inestabilidade total, polo que decidiron mobilizarse na defensa dos seus postos de traballo e polo futuro de Alfageme. Nese sentido, convocaron folga para os dias 14, 22 e 28 de outubro.

O secretario nacional da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro, comezaba esta comparecencia diante dos medios de comunicación sinalando que "as traballadoras e traballadores de Alfageme en Vigo (sobre 150 persoas) van ir á folga os vindeiros 14, 22 e 28 de outubro porque estamos en contra deste plan de viabilidade e de quen o sustenta", e engadiu que "o noso rexeitamento é frontal, porque do Consello de Administración ten que desaparecer Juan Lago das funcións que ten na actualidade".

Perdas de 44 millóns de euros

Piñeiro explicou que "en 2 anos e medio desde que aterrou en Alfageme Juan Lago&nbsp se consumiron 44 millóns de euros, pero non houbo modificacións nin avanzos a nivel tecnoloxico, industrial ou comercial. Só se realizaron unha pequena obra de ampliaciónen Vilaxoan, que non está rematada".

"Non acreditamos neste empresario, non temos confianza ningunha, porque nos demostrou que é dunha ineptitude absoluta e non existe capacidade de liderazgo pola súa parte", insistiu Piñeiro.

O traslado de Vilaxoan, segundo relatou o secretario nacional da FGAMT, significaría "que á volta de moi pouco tempo estiveran de volta estas traballadoras e nun concurso de acredores, é dicir, que podería significar o peche da empresa e con piores condicións indemnizatorias".

Folga tamén en Ribadumia

No centro de traballo de Ribadumia, cun persoal de 50 traballadoras e maioría absoluta da CIG na representación sindical, decidiron en asemblea somarse á folga a partir do 22 de outubro, xa que está en xogo non o traslado dun centro de traballo ou outro, senón o futuro de Alfageme. En Vilaxoan (onde ten representación CCOO, CGT e CIG) e no Grove (con representación de CCOO) decidiron non apoiar a folga, feito que valorou Piñeiro como "unha posición absolutamente erronea dado a situación á que nos enfrontamos".

Manifestación o 14 de outubro

Na primeira xornada convocada desta folga terá lugar unha manifestación desde o cruce de Colón con García Barbón, desde a sede central de Caixanova, até o Clube Financeiro de Vigo pola rúa Garcia Barbón. Esta mobilización partirá ás once da mañá.&nbsp

Ademais desde as seis e media da mañá concentraranse os piquetes diante da fábrica, situada na rúa Tomas e Alonso.

Para a seguinte xornada do 22 de outubro está prevista unha concentración conxunta das traballadoras de Vigo e de Ribadumia.

Xuntanza en Compostela

O 14 de outubro ás 18 da tarde tamén terá lugar unha xuntanza da representación sindical de Alfageme, as centrais sindicais, a dirección da empresa e o director Xeral de Relacións Laborais para discutir o plan de viabilidade.

Por último, Piñeiro lembrou que "este é un plan de viabilidade sen garantías", polo que demandou da Xunta "unha implicación clara" para que force esa modificación do Consello de Administración, do corpo técnico e da xerencia, que garanta definitivamente un futuro produtivo para esta conserveira. Tamén denunciou as coaccións da empresa e foráneas que están a recibir para asinar este plan de viabilidade que "responsabelmente non imos asinar".

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS