O paro contra as obras de Massó será o 11 de setembro

O patrón maior da Confraría de San Xosé de Cangas, Evaristo Fernández, explicou que ese día se manterá un paro de 24 horas en lonxas e confrarías, e que entre as 11h00 e as 13h00 haberá unha concentración de embarcacións nas inmediacións do Salgueirón, onde se están realizando as obras.

Os colectivos que acordaron esta medida foron, amais do pósito de Cangas, os de Moaña, Redondela, Arcade, Vigo, A Garda, Aldán, Bueu, a cooperativa Mar do Morrazo, a agrupación marisqueira Pedras de Oliveira e algúns mexilloneiros. En total, representan entre 800 e 900 embarcacións.

Fernández explicou que o acordo foi adoptado por agrupacións da Ría de Vigo e outros puntos da provincia que tamén decidiron sumarse. Así, explicou que a convocatoria é "extensiva" á provincia, aínda que destacou que "non se pretende facer moito dano" e, en canto a outras rías, "non se pide tanto que paren, senón que mostren o seu apoio". Asegurou contar co respaldo vecinal, e recordou que a cidadanía xa mostrou en varias ocasións o seu apoio, coa participación en diversas mobilizacións.

Reunións

Así mesmo, na reunión de hoxe acordouse pedir entrevistas co ministro de Fomento, Xosé Blanco; o presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe; o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, para solicitar a estas autoridades que se paralicen as obras, dado que, segundo os pescadores, o porto deportivo de Massó é prexudicial para a súa actividade, especialmente a de marisqueo.

Así, o patrón maior de Cangas explicou que se antes do 11 de setembro producísese algunha reunión e tivese un "resultado positivo, no sentido de que se paralicen as obras", se desconvocaría o paro. Os acordos adoptados no encontro de hoxe serán trasladados aos membros das confrarías, cooperativas e agrupacións implicadas nas súas respectivas asembleas.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS