O número de pessoas desempregadas na Galiza situa-se em 277.100, segundo dados da última EPA

Galiza rexistrou 41.500 persoas ocupadas menos no terceiro trimestre de 2013 con respecto ao mesmo período de 2012, segundo os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA). Ao mesmo tempo, o noso país contabilizou un total de 277.100 parados/as no terceiro trimestre do ano, mentres que o número de familias galegas con todos os seus membros activos no paro son xa 89.200.

Apesar de que a poboación ocupada aumenta levemente con respecto ao trimestre anterior (un 0,8%), os datos amosan que se trata dun comportamento derivado da estacionalidade do emprego, xa que se se compara co mesmo período de 2012 atopámonos con que o número de persoas ocupadas descende en 41.500, o que supón unha baixada do 4%.

Proba disto é que todos os contratos subscritos neste período foron de carácter temporal. Ao mesmo tempo, a contratación indefinida caeu un 0,5%, rexistrándose 4.500 contratos menos nesta modalidade.

Outro factor a ter en conta é que o incremento da poboación ocupada centrouse nomeadamente no sector Servizos con 8.900 persoas máis (1,3%), mentres que na Industria medrou en 1.900 (1,3%). Por provincias, a ocupación tivo un comportamento moi desigual, xa que mentres aumentou en Pontevedra e Lugo, na Coruña e Ourense experimentou un importante descenso.

Medra o desemprego interanual

Durante o terceiro trimestre de 2013 incrementouse o número de parados/as en 13.100 persoas (un 5% máis) con respecto ao mesmo período de 2012. A poboación parada baixa unicamente un 3,9% (11.100 persoas) con respecto ao trimestre anterior.

Esta evolución sería aínda máis desfavorábel se non fose pola caída da poboación activa que, ben sexa por emigración ou por outro tipo de saídas do mercado de traballo, contribúe a manter a taxa de paro en niveis máis baixos (sitúase no 21,6, o que supón un punto e medio máis que hai un ano).

Finalmente, a CIG amosa a súa preocupación polo cada vez maior número de familias galegas con todos os seus membros activos no paro. Segundo os datos da EPA son xa 89.200.

http://www.diarioliberdade.org/artigos-em-destaque/404-laboraleconomia/42883-o-n%C3%BAmero-de-pessoas-desempregadas-na-galiza-situa-se-em-277-100,-segundo-dados-da-%C3%BAltima-epa.html

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS