Non queremos que nos vendan axudas a cambio de que non teñamos prezo

Pero esta crise vén provocada porque dende as instancias gubernamentais estanse a facer políticas agrarias á medida das multinacionais e non das labregas e labregos, e axudas económicas en substitución da modificación das actuais políticas agrarias é simplemente “pan para hoxe e fame para mañá”.

Diante da “cortina de fume” tecida a base de cartos, baixo a que os ministros e ministras da UE pretenden agochar a eliminación das explotacións leiteiras europeas en aras de agasallar ás multinacionais da alimentación cedéndolles este espazo para os seus negocios, dende o Sindicato Labrego Galego non nos fartaremos de denunciar que a concesión de millóns de euros en troques de apostar pola modificación das políticas agrarias e garantirnos un prezo polo noso traballo é un xeito de enfrontarnos coa opinión pública, deslexitimando as nosas reivindicacións ao estar tan estendida a crenza de que “todo se soluciona con cartos”.

Ben, pois a crise do leite non. A crise do leite soluciónase con vontade política para regular a produción de tal xeito que podamos vivir directamente do noso traballo, como calquera profesional, e non dependendo das subvencións.

Nós non queremos que nos vendan axudas a cambio de que non teñamos prezo.

&nbsp Consideramos lexítimo que haxa unha axuda puntual neste momento de grave situación que temos, como están a cobrar outros sectores en crise. Pero esta crise vén provocada porque dende as instancias gubernamentais estanse a facer políticas agrarias á medida das multinacionais e non das labregas e labregos, e axudas económicas en substitución da modificación das actuais políticas agrarias é simplemente “pan para hoxe e fame para mañá”.

Diante do Goberno español e Europeo.

Na mañá de hoxe, na que un dos puntos centrais do Consello de Ministras e Ministros da UE era a crise do sector leiteiro europeo, o Sindicato Labrego Galego estivo presente en Luxemburgo, canda o resto de organizacións da Coordenadora Europea Vía Campesina.

&nbsp Lupe Prado, Responsábel do Sector Leiteiro- e Xosé Ramón Cendán -Responsábel de Relacións Internacionais- encabezaron a delegación conformada por gandeiros e gandeiras do SLG que se achegou para facer forza común en ditas mobilizacións.

Paralelamente, Carme Freire Cruces -Secretaria Xeral do SLG- e Lídia Senra -Secretaria de Organización do SLG e Responsábel de Sectores Gandeiros na Coordenadora Europea Vía Campesina- rexistraron na Delegación do Goberno español na Coruña un documento compilatorio das medidas que dende as organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina demandamos aos ministros e ministras da UE.

Por outra banda, Freire salientou tamén hoxe dende A Coruña que “é inaceptábel que a ministra estea mentindo descaradamente á cidadanía”, como fixo o pasado 7 de outubro durante a súa participación nun evento que tivo lugar en Compostela, argumentando que o prezo medio que están a percibir as explotacións está nos 0,30€.

Así, Freire deu a coñecer facturas do leite correspondentes ao mes de setembro (prezos base: 0,16€ a 0,22€ en varias cooperativas, 0, 219 Lagasa, 0,25€ Leite Río, 0,255€ Lactalis, 0,27€ Puleva, etc.*)

E tamén as correspondentes ao mes de agosto (0,23€ Leite Río, 0,243€ Lactalis, 0,29€ Peñasanta, 0,27€ Pascual, 0,21€ Leite Celta, etc), datos que eran públicos no momento en que a ministra declarou que se estaban a cobrar uns 0,30€ de media.

Cómpre lembrar que o custo de produción dun litro de leite, cuantificado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, é de 0,34€. “Estes son os prezos que a señora ministra, e todos os seus lacaios, pensan que estamos dispostas a seguir soportando as gandeiras e gandeiros da Galiza, a seguir tendo a boca calada para que nos arruínen e aquí non pase nada?”, denunciou Carme Freire.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS