Moz@s pola Abolición chama ao boicot activo da publicidade da feira taurina da Coruña

O colectivo xuvenil Moz@s pola Abolición fai un chamamento á cidadanía para que boicotee de xeito activo a cartelería publicitaria da feira taurina da Coruña deste ano, despois de que grupúsculos de aficionados ás touradas sabotearan e ameazaran durante os pasados meses aos activistas da organización mentras participaban en diferentes campañas informativas sobre o uso de cartos do Concello para subsidiar os festexos taurinos locais.

Para as mocidades antitaurinas non existe xustificación algunha para encher as rúas de auténtico “lixo taurino”, material que fai apoloxía da violencia e que ampara comportamentos lamentables cos seres vivos. Baixo o amparo da suposta “liberdade” e do aspecto “pseudocultural” o Concello da Coruña financia a celebración de touradas cada ano, incluíndo as acción promocionais e empregando espazos e instalación de titularidade municipal como o Coliseo ou as taquillas situadas na praza de Ourense para facer unha encendida defensa dun espectáculo de tortura animal.

Segundo unha enquisa independente de 2010, elaborada pola empresa Obradoiro de Socioloxía, con máis de 30 anos de experiencia no sector, o 88% dos coruñeses e coruñesas de 18 a 30 anos amosaba un rexeitamento taxante ao financiamento público de touradas e a celebración desta actividade no municipio. A pesares do datos sociolóxicos, o PP continua coa súa labor de apoloxía e xa fica só na corporación municipal na súa defensa da tauromaquia.

Con case a metade dos mozos e mozas en paro e sen posibilidade de atopar un posto de traballo digno, sen medidas de conciliación laboral e coa supresión de diferentes axudas de apoio á empancipación, a mocidade ten que impulsar unha rebelión cívica, e isto comeza por rexeitar dun xeito proactivo as touradas e toda a súa parafernalia publicitaria.

Tamén convidan á cidadanía a participar na vindeira Manifestación Antitaurina, que terá lugar o domingo 4 de Agosto, ás 12h con saída no Obelisco e remate na Praza de María Pita.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS