
Mobilización en contra da explotación do sector leiteiro por parte da distribución
Durante máis de dúas horas impediuse a entrada e saída de camións ao complexo loxístico Mercagalicia, onde se atopa a central de DIA S.L.
  Con esta acción denunciamos unha vez máis a grave problemática á que está a facer fronte o sector lácteo e visibilizar un dos factores máis claros da mesma: as abusivas marxes comerciais aplicados polas empresas distribuidores.
Para este mes de abril industrias coma CELEGA ou PASCUAL veñen de suspender as recollidas de leite para consumo líquido, levándoo, segundo din, para a transformación en leite en pó, polo que o importe pagado ao sector produtor redúcese aproximadamente á metade do xa baixo prezo actual.
Esta práctica está deixando centos de familias de produtores e produtoras nunha situación economicamente insostíbel (fortes gastos  de mantemento e produción (0,37€ aprox.) con baixos  ingresos  polo leite), que aboca ás nosas explotacións cara un profundo endebedamento e á perda do sector agrogandeiro máis relevante do noso país.
———–
Os gandeiros do leite cortan o acceso a Mercagalicia
Varios centos de gandeiros cortaron esta mañá cunha cadea o acceso á cancela de MercaGalicia, onde está o centro de distribución dos supermercados Día en Santiago de Compostela. Os produtores protestan así contra as marxes comerciais das grandes superficies, un dos factores que está a derrubar os prezos que cobran os gandeiros polo leite.
Prosigue así a unidade de acción dos sindicatos e cooperativas agro contra as industrias e as cadeas de distribución retomada tras o conflito do contrato homologado.
O certo é que as granxas do país non poden competir cos prezos das importacións.  No país, o custe de produción non baixa dos 35 céntimos por litro. Os gandeiros galegos denuncian que as empresas están a ameazar con non recollerlles o leite se os produtores non venden a 30 céntimos.
Unha proba da situación crítica do sector é a medida  anunciada por AGACA esta semana. Dous mil dos seus afiliados venderán o leite a só 0,18 euros o litro, moi por debaixo do custe de produción. Venderános para produción de leite en po, evitando así que o produto se perda ante a falta de recollida por parte das industrias.
Pascual, Celta e Puleva xa comezaron a non recoller leite en varias cooperativas. E iso malia que o Estado é deficitario neste produto, polo que ten que recorrer a importar un tercio do consumo.
Boicot ao contrato homologado
A Xunta tentou remediar a crise co contrato homologado, que permitía aos gandeiros cobrar por adiantado e ter dereito a un prezo estábel durante un ano. Con todo, a iniciativa de Medio Rural non tivo éxito, pois o número de contratos homologados asinados é moi reducido, “insignificante” segundo Unións Agrarias, quen acusa ás industrias de estar a tentar tirar os prezos antes de firmar estes acordos.
  O SLG GABA AS COOPERATIVAS DE CONSUMO RESPONSÁBEL
Os sindicatos piden aos consumidores que non merquen leite importado
Carme Freire, do SLG, pediu aos consumidores que se poñan do lado dos gandeiros galegos con medidas concretas “na defensa do sector produtivo”. Así Freire animou aos cidadáns a consumir “nas pequenas tendas”, evitar mercar produtos do agro nas grandes superficies e fuxir das marcas brancas.
“É importantísima unha alianza cidadá”, insistiu a líder do SLG, quen puxo como exemplo ás cooperativas de consumo ecolóxico, que están agromar en case todas as cidades do país.
Freire lembroulle ao Goberno do Estado que onte o Congreso aprobou unha proposición do BNG no que se indica ao Executivo que regule as marxes das cadeas de hipermercados, que definiu como “grandes monstros que invaden a nosa cociña”.