Miles de persoas marchan en Compostela en defensa da Sanidade Pública

Publicidad

Malia a choiva en Compostela ao chamamento realizado por SOS Sanidade Pública respondeu a sociedade civil con múltiples colectivos profesionais e veciñais así como todos os partidos da oposición no Parlamento galego –PSdeGBNG, Grupo Común da Esquerda e En Marea– e sindicatos da Galiza.

A manifestación iniciouse na Alameda pasadas as 12 horas e rematou na praza da Quintana coa lectura dun manifesto por parte do actor e director Quico Cadaval, as poetas Lucía Aldao e María Lado; e Aurora, membro da Plataforma de Verín.

 

Deterioro e dificultades para a poboación

“Temos un deterioro evidente dos servizos de atención primaria que leva en loita desde o mes de abril con manifestacións e concentracións continuas”, explica a Nós Diario desde a propia manifestación Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública. Relata que “a poboación ten serias dificultades para poder acceder aos centro de saúde e hai demoras superiores á semana”. Desde a plataforma teñen claro que “a capacidade resolutiva do sistema está moi deteriorada pola falta de recursos e as dificultades de acceso ás probas”.

Marian Rodríguez, de SOS Sanidade da comarca do Barbanza, asegura a Nós Diario que “este novo modelo de xestión integrada e áreas grandes remata coa atención primaria e os hospitais comarcais que dependemos dos grandes hospitais”. Denuncia que diante de calquera situación problemática “a nosa voz na consellaría sempre está mediada polo xerente do gran hospital”.

 

O culpábel é Feixoo

O nome máis repetido en toda a manifestación era o do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Berros como “Feixoo atende, a sanidade non se vende” sumábanse aos de “Feixoo, ruín, non vaias a Verín” ou “o noso meniño non nace no camiño” que saían da nutrida representación da comarca de Monterrei.

“O problema que temos é que a nosa administración acostumouse a faltar á verdade”, explica manuel Martín, “empregan a mentira como unha forma de facer política e iso non é bo”, engade.

Jorge Lorenzo, Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei, explica a Nós Diario que a experiencia de Verín foi froito do cansamento da poboación diante dunha situación inxusta. “Esta é a mala xestión após dez anos de Feixoo”, asegura, “a súa desidia de recortar e recortar quixo deixarnos sen o servizo de pediatría, cando saben ben que non é perigoso parir en Verín”, engade.

 

A sanidade Pública en perigo

No manifesto final desde SOS Sanidade Pública aseguran que “a decisión de supeditar a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias, controladas por burócratas aos servizo de Feixoo supuxeron recortes de persoal, orzamentos e equipamentos nos Centros de Saúde”. Por este motivo exixen “poñer no centro do sistema á Atención Primaria”.

Denuncian que “se están desmantelando os hospitais comarcais” e saúdan a loita de Verín que demostra que “o pobo cando se une é capaz de vencer o poder”. Neste sentido critican a actuación da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) “pola súa manipulación” e dan o seu apoio ao colectivo Defende a Galega.

SOS Sanidade Pública exixe que a Consellaría de Sanidade “recupere os recortes de orzamentos e poña en funcionamento aos hospitais e acaben coa dedicación pública e privada dunha parte do persoal facultativo” coa intención de “reducir as listas de agarda”.

 

Fuente

 

 

 

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados.

This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish. Accept Read More