Marta Harnecker, filósofa: ‘O obxectivo para o que camiñamos é o pleno desenvolvemento humano’

Publicidad

Óscar Lomba/ FOTOS: R. Prada&nbsp &nbsp

Socióloga e intelectual marxista chilena. A súa obra baséase en cuestións de estudo e análise do movemento obreiro e fundaméntase na elaboración de abundante documentación formativa para cadros e militantes. Foi asesora do goberno socialista de Cuba así como ampla colaboradora cos movementos sociais revolucionarios e antiglobalización en Latinoamérica.

Foi directora do Centro de Investigacións "Memoria Popular Latinoamericana" da Habana. Actualmente reside en Venezuela, onde é asesora do Goberno Bolivariano de Hugo Chávez.

Os seus libros “Os conceptos elementais do materialismo histórico” e “Cadernos de Educación Popular”, foron amplamente utilizados polos partidos comunistas e organizacións obreiras dos países hispano-falantes para a formación dos seus militantes durante os anos 70 e posteriores. Ten colaborado, espallando as súas ideas, tamén no mundo audiovisual. Destaca a súa participación no documental de temática política “A batalla de Chile” do realizador chileno Patricio Guzmán.

-Con esta crise estamos diante do final do neoliberalismo? Como imaxina o capitalismo do futuro?

-Non hai crise do capitalismo que termine senón que hai un modelo que o substitúa. Creo que se hai unha crise estrutural do Neoliberalismo. Xa non será igual. Non creo no determinismo de que a crise leva a unha saída anticapitalista. Se non hai suxeitos capaces de prantexar a alternativa haberá perpetuación do capitalismo. Fálase dunha refundación, cambiar a outro modelo.

-Non cre que a progresiva liberación da lóxica neocolonial dos países en vías de desenvolvemento podería favorecer a aceleración das contradicións no corazón do capitalismo Occidental?
-A medida que [o sistema e os poderes dominantes] perden terreo, nese sentido, debilítase [o capitalismo]. Mais [os sectores dominantes] poden procurar outras alternativas. Así como as colonias pasaron ás trasnacionais que é unha forma de colonización distinta, entón procurarán fórmulas distintas [para perpetuarse]. Percíbese certa debilidade do actual capitalismo, o que non significa que o sistema estea esgotado ou vaia a derrubarse, pero si que o capitalismo é máis débil que antes. Non pode impor os seus intereses. O ALCA era a gran bandeira dos EEUU e non conseguiu aplicarse esta forma de integración. Que se fixo? Aplicar tratados bilaterais con Uruguai, con Chile, con distintos países de Centroamérica, … O feito de que [o imperialismo] non conseguiu aplicar o seu xeito de intervención e de que se estea erguendo na América Latina unha forma de integración alternativa é un elemento de debilidade.

-Teóricos como John Holloway apelan á posibilidade de cambiar o mundo sen tomar o poder. Que opina?
-Para min a tese de Holloway é terrible. Moi negativa. Está producindo un efecto negativo no conxunto da esquerda latinoamericana. Creo que temos que avanzar, como sempre, a partir do que existe. Ti non podes crear un sistema…. tes que ter os pés na terra e mudar ese sistema. Hoxe en día non creo que a loita armada estea á orde do día.se non hai loita armada, se non hai destrución o outro camiño que queda é aceptar as condicións que hai ou&nbsp traballar por transformalas. Aí é onde a miña tese fundamental é que temos que construír as forzas que nos permitan facer posible nun futuro o que hoxe non é posible. Iso non se fai con declaracións nin con radicalismo. Faise construíndo forzas, organizando ao pobo, creando espazos de participación. O que está facendo o goberno de Venezuela co seu pobo. Está creando un espazo de participación que son os consellos comunais onde se entregan recursos. Pasa por riba de alcaldes e gobernadores e entrégallo directamente á xente para poder resolver os seus problemas. A xente sinte que é capaz de tomar decisións, de controlar, de esixir, etc. Medra o suxeito revolucionario como digo eu.
Temos que ver que fan os poderes. Se un goberno considera que non debe de haber movementos que prexudiquen a estabilidade ou a tranquilidade, reprímese as folgas, para min é un sintoma negativo. Se ese goberno entende que ten que haber manifestacións e ata folgas porque hai un aparato capitalista que hai que romper, ti tes aí un síntoma de que se pode avanzar. Ata onde? Non temos esquemas. Ninguén nos pode dicir por onde debemos seguir. Hai que construílo a partir da correlación de forzas.

-Como ve o debate en Cuba do modelo a seguir?
-Levo moito tempo fóra de Cuba. Hai cinco anos que estou en Venezuela. Non vexo no discurso dos dirixentes [cubanos] a insistencia da participación popular. Discútese máis ou menos mercado e non se ten que haber máis protagonismo popular. Para min se non hai sociedade socialista do século XXI, sen que o suxeito gañe protagonismo…[entón non se pode construír algo distinto ao capitalismo].

-Hai modelos?
O obxectivo para o que camiñamos é o pleno desenvolvemento humano. Non dende o [aparello de] Estado senón conquistando [espazos de participación popular] a través da práctica. Polo tanto como camiñar? Cos pasos que permitan esa transformación do home a través da práctica. Tes que crear espazos de participación tanto nos territorios, como nos centros de traballo ou como no que nós chamamos grupos temáticos, grupos de interese: grupos de xénero, de ecoloxía, de saúde… A sociedade futura ten que ser diferente da anterior, cando dicíamos que tiña que vir planificada dende o Estado. Antes os traballadores eran receptores da “bondade” do Estado paternalista, [do “Estado providencia”]. Non creo que o socialismo poda facer iso. O Estado ten que facilitar procesos de crecemento do protagonismo da xente e non só solucionar os problemas. Ás veces é máis importante que a xente conquiste as solucións. Dicía o pensador venezolano Alfredo Maneiro que é moi distinta a pasarela (cruce de rúas) que o Estado pon que a que decide pedir un barrio organizado. Ser un pedagogo popular, como digo eu, para que a xente saiba que conquista [e dirixe a transformación]. Deste xeito estará moito máis comprometida co seu coidado.

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados.

This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish. Accept Read More