Marcha Cívica-6º Roteiro da Vergoña, Pola eliminación dos restos do franquismo na Coruña –

Convoca a CRMH

Sábado, 12 de marzo, con saída ás 12 horas da praza de María Pita

COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA (CRMH)

Nesta ocasión o Roteiro comezará na casa natal de Pedro Barrié na praza de María Pita, continuará pola casa natal de Alfonso Molina en Porta Real, busto de Eduardo Sanjurjo de Carricarte, detrás do concello, praza  de Pintor Sotomayor na rúa Panadeiras, e rúa Ambrosio Feijóo no lateral de Correos.

En cada parada haberá lectura dunha breve biografía das cinco persoas por parte de presas e presos políticos de Galiza na ditadura e familiares de vítimas do franquismo. Persoas relacionadas coa cultura lerán poemas sobre a represión.

Como xa fixemos no 5º Roteiro no barrio do Ventorrillo o pasado 2 de outubro, nas rúas Pintor Sotomayor e Ambrosio Feijoo serán colocadas rúas alternativas.

Coa celebración deste 6º Roteiro, e outros que realizaremos nos próximos meses, A CRMH quere colaborar co concello da Coruña no cumprimento do acordo plenario do pasado 2 de decembro: “iniciar un traballo de              divulgación e sensibilización” do informe coordinado pola historiadora Ana Romero do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, que recibiu o Consello da Memoria Democrática, para retirar as rúas e distincións a 14 persoas.

A CRMH considera que chegou a hora de que a cidadanía coñeza unha historia secuestrada durante moito anos: Pedro Barrié de la Maza e Alfonso Molina non eran “coruñeses exemplares”, senón significados franquistas  ao servizo dunha ditadura criminal, un réxime fascista, como foi cualificado en 1946 por Nacións Unidas.

A CRMH comparte as conclusións do citado informe, que é a primeira fase, para retirar as rúas e distincións ás cinco persoas protagonistas deste 6º Roteiro da Vergoña:

Pedro Barrié de la Maza. “Papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía [Banco Pastor], polo que se lle deben retirar os honores concedidos”.

Alfonso Molina Brandao. “Como presidente da Cámara de Propiedade iniciou procesos de depuración laboral, en cumprimento cos decretos da Xunta de Defensa Nacional. É, polo tanto, colaborador activo na represión e se lle deben retirar os honores concedidos e cambiar o nome da avenida”.

Eduardo Sarjurjo de Carricarte. “Ademais de participar na Guerra Civil en apoio dos sublevados, tamén participou en varios tribunais militares, na súa calidade de vogal poñente, na represión física do franquismo. Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren os honores concedidos no seu día”.

Fernando Álvarez de Sotomayor. “Polo seu protagonismo e plena convicción a favor dos sublevados e a súa contribución ao trunfo do chamado Alzamiento Nacional, é candidato a que se lle retiren os honores concedidos polas corporacións municipais franquistas coruñesas durante a ditadura”.

Ambrosio Feijoo Pardiñas. “Participación de forma activa na represión na Coruña e Asturias durante a Guerra Civil [presidiu como xeneral consellos de guerra] son motivos suficientes para que se aplique a actual Lei de Memoria Histórica para que se lle retire o honor de ter dedicada ao seu nome a céntrica rúa situada entre as avenidas da Mariña e do Porto da Coruña”.

Moitas grazas pola súa colaboración.

A Coruña, 31 de xaneiro de 2022

Compartir
Ir al contenido