Macri: «Volver al mundo»
«Volver al mundo» foi un dos principais lemas da campaña electoral do actual presidente arxentino, pero o mundo, ademais de «ancho y ajeno», como ben dixera Ciro Alegría, é hoxe, nas finanzas globalizadas, un lugar inhóspito para os Estados do terceiro mundo. A actual crise non é algo sorprendente.
Cunha inflación que non baixaba, unha psicose entre a poboación arxentina (e latinoamericana) segundo a cal a moeda local é para mercar o xornal ou o tabaco, e o dólar é para aforrar, as continuas contradicións entre os ministros de Macri sobre a política monetaria que se debe seguir e o vencemento, o 15 de maio, das Lebacs (letras do Banco Central que licita o Banco Central de la República Argentina, BCRA.) por un monto de 600.000.000 millóns de pesos arxentinos, 30.000 millóns de dólares, que supón os dous terzos da base monetaria do país. Todos estes sucesos alimentaron a psicose colectiva da devaluación e a compra histérica de dólares, mesmo despois da suba das taxas de xuro do peso arxentino até o 40%, superiores á inflación anual do 25%.
É a primeira vez na historia da Arxentina que o BCRA vende nun día 1.500 millóns de dólares das súas reservas internacionais coa intención de frear a depreciación do peso arxentino; pero, nos seguintes dous días, a venda chegou aos 3.700 e nos meses subseguintes, de marzo a maio, a 7.700 millóns, o 10% das súas reservas de divisas. Esta sangría chega até o anuncio do presidente arxentino, o 8 de maio, en que informaba do inicio de conversas co Fondo Monetario Internacional para obter un préstamo que, segundo o Goberno arxentino, «é a opción menos custosa para o crecemento da Arxentina».
Pero a realidade é outra. O propio Macri asegurara que existían situacións alleas aos Estados que determinaban a inviabilidade, dentro do sistema capitalista globalizado, do progreso e do benestar dos países, como «as condicións adversas nos mercados financeiros internacionais ou o incremento das taxas nos Estados Unidos».
Todo isto xa o sabiamos todos. A microeconomía que se aplica nas políticas internas aos cidadáns a custa de sanear as contas macroeconómicas dos Estados aplícase globalmente aos Estados do sur para sanear as contas dos Estados do norte e determina unha situación de desigualdade perenne e non mudábel dentro deste sistema inxusto.
Benvido ao mundo, Mauricio Macri! nas finanzas globalizadas