Máis de 2.000 persoas mobilízanse en Vigo na defensa do emprego na automoción
Máis de 2.000 persoas percorreron o centro de Vigo, desde Via Norte até a Praza da Estrela, para demandar solucións para a automoción, asi como a defensa do emprego neste sector. Representantes sindicais das principais empresas do metal, químicas, téxtil e transporte da CIG estiveron presentes nesta mobilización.
Tamén participou desta marcha o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que, en declaracións aos medios de comunicación, ao comezo desta manifestación defendeu que " a esta crise hai que darlle unha solución global pola súa dimensión", e rexeitou que no sector da automoción se acepten os expedientes de regulación de emprego "como o xeito máis sinxelo de afrontar a actual situación e sempre dun xeito individual".
Berros contra os ERE
Esta mobilización pretendía tamén sensibilizar á cidadanía sobre a situación de crise que existe no sector. As consignas máis repetidas foron aquelas que facían mención ao rexeitamento dos ERE, aquelas que puñan de manifesto a necesidade da mobilización e da presenza da CIG nas rúas, asi como foron continuas as críticas á crise social, e á necesidade de que pague o capital esta situación e non os traballadores e traballadoras.
Tres intervencións finais
Unha hora despois do inicio desta marcha, a manifestación chegaba á Praza da Estrela, onde tivo lugar o acto final de peche desta mobilización. Neste acto interviron Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, Francisco Miranda, portavoz da coordenadora da automoción de CIG-Químicas, e Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT.