Lección de ética das estudantes ao candidato da dereita

Non é a primeira vez que a Universidade Pública de Compostela sofre a intromisión de elementos da ultra-direita coa complicidade dos órganos reitores e de paraquedistas con nula representatividade entre o estudantado. Mais unha vez, pretendíase converter a institución pública nun altofalante ao servizo dos intereses ultras que representa o Partido Popular na figura do seu candidato Núñez Feijoo, que chegaba á Facultade de Políticas para celebrar un acto eleitoral encoberto baixo o pintoresco título “Que es la Universidad para ti”.

As estudantes comprometidas na defensa dun ensino público, galego, científico e de calidade non esquecen qué intereses representa o candidato dereitista e cais son os seus obxectivos políticos. Nunha etapa marcada pola agudización dos conflitos de clase, onde o gran capital dominado por cleptómanos absorbe billóns de euros das arcas públicas e transforma o planeta en ruletas xigantescas que levan á miseria á gran maioría da humanidade, este aristócrata “de casino” provoca coa súa soa presenza os fillos da clase traballadora, as futuras explotadas e precarizadas polos mesmos comensais cos que Feijoo xanta todos os días.

Sofre a patoloxía da desregulamentación, pero onte participou no mais férreo control social que padeceu a nosa nación, primeiro baixo forma de franquismo e logo baixo a bota do neo-fascismo representado por Fraga. Non esquecemos tampouco os apoios continuados deste individuo ás agresións que sofre a nosa língua por parte de grupos marxinais que se vindican como falsos “defensores da liberdade”, mais que en realidade pretenden a anulación do idioma.

Calquera estudante que loite pola verdadeira liberdade, pola emancipación social, e no noso caso, pola independencia nacional, non pode senón criticar duramente a presenza deste destacado representante da burguesía caciquil que impede ao noso pobo desenvolverse como tal. Feijoo non pode ser benvido nunha institución que debera ter entre os seus obxectivos a formación na crítica e no compromiso coa realidade do país galego.

Por iso, Isca! apoia sen concesións ás estudantes que esta tarde interromperon a charla que Núñez Feijoo estaba a realizar na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC. As e os estudantes increparon ao portavoz do Partido Popular con berros de “fascista”, “inimigo do galego”, “represor”, alén de lembrar en voz alta as innumerábeis agresións que sufriu a nosa terra, a nosa lingua e o noso pobo no percurso dos anos de goberno fraguista e posteriores.

Desde ISCA! apoiaremos a todas aquelas e aqueles estudantes que decidan manifestarse contra o emprego dos nosos centros de ensino como espazos de expansión da dereita españolista, capitalista e imperialista, pois o noso horizonte é unha Universidade realmente democrática, popular e galega. Como Antígona, este NON equivale ao acto radical de liberdade que desafía leis e se opón ás tiranías sexan cuais for as consecuencias, fundamento da ética na política.

É algo que nunca se debera esquecer nunha facultade de Ciencias Políticas, mais por desgraza a Universidade ven acollendo cada dia mais e piores parásitos e sanguesugas que chegan unicamente coa finalidade de provocar ao alumnado e deteriorar o funcionamento da institución.

Coa forza do estudantado, todo pode mellorar, mais para iso todas debemos implicarnos na loita.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS