Isca! perante a XI Asemblea Nacional de Galiza Nova

O seguinte documento, que xa estamos a distribuir entre a militancia e simpatizantes da organización xuvenil do BNG, expresa as nosas valoracións e obxectivos ante esta cita:

Isca! perante a XI Asemblea Nacional de Galiza Nova &nbsp &nbsp

Galiza Nova é, con diferenza, a principal e mais activa organización xuvenil do país, e nuclea no seu seo centos de mozas e mozos nacionalistas que por toda Galiza contribúen a construir unha ferramenta de transformación social con mais de 20 anos de historia.
Porén, alén dos innegábeis avanzos que se deron neste tempo vemos nos últimos anos unha serie de vicios e carencias que ollamos con preocupación:

Acción política:

-Moi deficiente traballo nacional neste período interasemblear: práctica inexistencia de campañas nacionais durante dous anos, alén dunha focaxe excesivamente institucionalizada. Inexistencia de discursos e accións propias, limitandose a aderir convocatorias de outras organizacións e celebracións de datas sinaladas (8 de Marzo, 10 de Marzo, etc). Destaca de xeito especialmente negativo a Asemblea de Mulleres que só se reuniu en 3 ocasións durante este período tendo como única actividade política propia a edición dun folleto.

-Pasividade nas resposta a determinadas agresións sofridas pola mocidade, particularmente no campo do ensino. Particularmente destaca a incapacidade ou falta de vontade para contribuir a artellar unha resposta ao Plano Boloña, a maior agresión á Universidade Pública Galega en anos.

-Excesiva dependencia e sumisión ao discurso e ritmos do BNG. O camiño de “moderación” da dirección do BNG foi acompañado progresivamente, ainda que de xeito mais lento, por Galiza Nova, que foi amoldando a súa praxe e discurso aos novos xeitos do discurso reformista da dirección da fronte. Do mesmo modo que no seo do BNG, desde Isca! contribuímos a crear en Galiza Nova nos últimos anos un esperanzador espazo crítico con esta deriva, apostando pola recuperación do discurso histórico do nacionalismo popular e defendendo un perfil claramente rupturista, soberanista e transformador.

-Acriticismo ante as actuacións do BNG no goberno e nos Parlamentos.
A acción nacionalista na Xunta, ainda que supuxo certos avances innegábeis, foi en liñas xerais decepcionante para moita da nosa base social, que esperaba unha acción de goberno que rompese no fondo e na forma coas dinámicas anteriores e que se vise claramente incardinada nun proxecto estratéxico a longo prazo de transformación social e liberación nacional.
O silencio ou mesmo complicidade con certas actuacións do BNG levou a Galiza Nova a contredecirse cos seus postulados históricos en determinadas materias, como pode ser a defensa do territorio. Un bo exemplo é o Plano Acuícola, onde GN chegou mesmo a desmarcarse de convocatorias como a do Día Mundial do Medio Ambiente, simplemente por mimetizar a postura do BNG que, obiamente, difere moito da do ecoloxismo, mesmo do maís afín (ADEGA). A postura de moitos gobernos municipais no tema do botellón ou o apoio a leis educativas regresivas como a LOU por parte do BNG non tiveron tampouco nengún tipo de resposta por parte de GN, algo incomprensíbel para a nosa base social.

Organizativos:

-Verticalización progresiva da organización, coa preponderancia dos organismos “executivos” frente aos colexiados. Isto é particularmente evidente na Dirección Nacional, onde todos os debates veñen xa precociñados pola Permanente (que é na práctica o auténtico órgao de decisión política, contradicindo os Estatutos). Do mesmo xeito, vese un baleirado de contido das asembleas en determinadas comarcas, en favor dos organismos de dirección ou as responsabilidades unipersoais.

-Sectarismo por parte do sector maioritario (actualmente nucleado arredor da UMG), que deriva na exclusión de facto da militancia non afín, tanto a nivel nacional como en determinadas comarcas. As aportacións, críticas e propostas da determinadas/os militantes son sistematicamente rexeitadas, non polo seu contido, mais pola súa procedencia, pois non se admite a máis lixeira desviación do camiño marcado. Determinadas comarcas vense silenciadas, discriminadas ou directamente boicotadas por parte das responsabilidades nacionais, simplemente por seren “desafectas” á corrente actualmente maioritaria.

-Esquecemento ou incumprimento de posturas adoptadas pola organización na X AN de GN: o sectarismo de parte da organización levou mesmo a desrespeitar aquelas posturas decididas polo conxunto da organización coas que a dirección política maioritaria non estaba de acordo: análises sobre o botellón ou a reivindicación territorial plena da Galiza foron eliminadas da praxe da organización.
Entendemos que, superando estas eivas, Galiza Nova debe aspirar a converterse na casa común de toda a mocidade nacionalista e de esquerdas. Todas as mozas e mozos que coincidan cos nosos obxectivos estratéxicos, actualmente organizadas/os ou non, deberían ver en Galiza Nova un espazo de traballo onde aportar o seu grao de area de cara a construir unha ferramenta forte para a transformación social e a liberación nacional. Nese camiño, a militancia de Isca! leva xa anos a traballar por este novo modelo de organización, desde as comarcas e localidades de todo o país e tamén a nivel nacional, cos evidentes limitacións e atrancos impostos pola actual maioría, pero coa ilusión de seguir a contribuir a unha Galiza Nova forte, revolucionaria, soberanista, participativa, democrática e combativa.

Estes son os eixos da Galiza Nova pola que traballamos:

Ideolóxicos e de acción política

-Galiza Nova é unha organización autónoma. Somos unha organización xuvenil que actúa socialmente a todos os niveis, e por tanto pode e deber ter posturas propias en todos e cada un dos temas que afectan á mocidade galega. Á marxe da postura que, con maior ou menos fortuna, poda tomar o BNG, debemos ser capaces de nos posicionar sen medo, coincida ou non a nosa opinión coa da fronte. A mellor contribución que Galiza Nova pode facer a corrixir os erros do BNG (que progresivamente o afastan máis da mocidade) é sinalalos crítica pero construtivamente e propor alternativas.

-Galiza Nova como organización revolucionaria e anticapitalista. A crise do capitalismo demostra ás claras que este sistema socio-económico non funciona, e dentro del non pode existir un futuro digno para as maiorías sociais. A mocidade rebelde e patriota organizada en GN debe ser consciente disto e de que é fundamental por en evidencia o esgotamente deste modelo neoliberal e deste sistema capitalista e comezar a construir alternativas desde xa. Para iso, as maiorías sociais, as clases traballadoras, son o suxeito fundamental que mobilizar e defender, sen cair en tentacións interclasistas que xa teñen demostrado o seu fracaso. O nacionalismo galego do S.XXI será anticapitalista ou non será. Galiza Nova é, como a ideoloxía nacionalista e de esquerdas que asumimos, antisistema por definición, aspira a transformar a actual situación e non só a retocala. Somos, portanto, mocidade revolucionaria, en loita pola liberación nacional e a xustiza social, dúas caras inseparábeis da mesma moeda. Así, impulsaremos unha modificación dos Estatutos na que se recoñeza Galiza Nova como unha organización de esquerdas.

-Pola República Galega. Pensar que dentro de España (ou de outro hipotético modelo de España que nunca vai chegar) podemos construir alternativas viábeis para o noso pobo é unha ilusión da que temos que acabar de espertar. O camiño pasa pola ruptura co Estado e as súas ferramentas de dominación (Consititución e Estatuto) e comezar desde xa a traballar pola construción dun estado galego independente e soberano, que se relacione en pe de igualdade co resto de pobos de Europa e do mundo. Asumir sen complexos esta alternativa como horizonte estratéxico e comezar a socializala é para nós unha urxencia impostergábel. Queremos a autodeterminación para poder escoller. E queremos escoller a independencia.

-A solidariedade cos pobos que loitan hoxe en todo o planeta polo dereito existir con dignidade debe ser unha prioridade da nosa organización. Temos que concienciar a mocidade galega da necesidade e importancia de apoiar os pobos que construen alternativas ao capitalismo (Cuba, Venezuela e cada vez máis, afortunadamente), ou que resisten contra o imperialismo e a ocupación (Palestina, Sahara, Iraque…), e como non, tamén os que no noso mesmo continente loitan por se dotar dun Estado propio, desde Irlanda até Euskal Herria. Canto a este último, e pola súa proximidade, é hora de denunciar sen complexos as agresións represivas que cada vez máis está a sofrer, muitas veces con inadmisíbel silencio cúmplice do nacionalismo galego.

-Existe moita mocidade nacionalista, organizada ou non, fora de Galiza Nova. Pecharse a esa realidade só pode limitar o noso medre e impedirnos chegar a novos sectores sociais. Interactuar coas diferentes expresións da mocidade autoorganizada que existen ou podan existir no futuro é fundamental para facer e GN un espazo de confluencia de toda a mocidade soberanista. O impulso e participación de ferramentas de autoorganización xuvenil como as asociacións cuturais, deportivas, locais sociais ou moitas outras das que moita da nosa militancia xa fai parte por todo o país, son fundamentais para contribuir a tecer unha rede asociativa que, desde a base, cuestione os alicerces do actual sistema e afortale as nosas posturas transformadoras.

Organizativos

-Horizontalidade na toma de decisións. Os órgaos de decisión política nas comarcas e localidades son as Asembleas Comarcais, sen prexuízo da existencia de organismos executivos, que deben ter realmente tal carácter e non suplir as asembleas.
Do mesmo xeito, a Dirección Nacional non pode limitarse a ser un organismo que ratifique os acordos tomados previamente na Permanente. A Permanente debe ser un organismo que desenvolva os acordos tomados na DN.

-Recoñecer e respeitar a pluralidade. A existencia de diferentes sensibilidades que, dentro do amplo campo do soberanismo e a esquerda, actúan no seo de Galiza Nova é unha realidade tan inegábel como enriquecedora. Esta realidade debe ser recoñecida e asumida con normalidade e transparencia, e as propostas de cada deben ser coñecidas e debatidas abertamente. Ademais consideramos que aqueles militantes non adscritos a ningunha corrente organizada deben poder abandonar a situación de pasividade á que se ven sometidos na dialéctica entre sensibilidades.
Impulsaremos unha modificación dos Estatutos para que a Comisión Permanente teña de ser escollida de xeito directo na Asemblea Nacional, e non na Dirección Nacional (dun xeito semellante ao que xa acontece no BNG). O obxetivo desta medida é evitar situacións como a vivida neste período, en que unha candidatura co 40% dos votos fica excluída da Permanente como se non representase nada; deste xeito, cada quen terá unha presenza que equivalerá á súa representación real, escollida directamente por medio de todos os militantes. No caso de modificarse a Permanente ao longo do período interasemblear, non podería alterarse esta representatividade.

-Temos que converter a Galiza Nova nunha auténtica organización de masas, con incidencia real na mocidade, que amplíe notabelmente a súa base social, militante e simpatizante. Nestes obxetivos ten moito que ver a democratización interna e o respeito do pluralismo, para que a militancia poida participar de forma real na organización, e a capacidade de resposta ante os principais problemas da mocidade e do país.
Neste sentido, tamén hai que reconverter actividades senlleiras e meritorias no seu momento, como as Xornadas de Verán, en eventos en que participen centos de mozos, e non só militantes e uns poucos simpatizantes, como ata o de agora. Ao tempo, temos que reforzar o perfil político na actividade anual con maior asistencia (o Festigal) e a capacidade de decisión de Galiza Nova que, se somos francos, non é percibida como organizadora por grande parte das e dos asistentes. Por último, temos que reformular a nosa política de comunicación, nomeadamente en Internet, e tamén no conxunto dos voceiros editados. Como é óbvio, todas estas liñas de actuación implican un maior esforzo militante e tamén de recursos.

-Promover a formación da militancia. A política interna de formación en Galiza Nova literalmente non existiu nestes 2 anos. Galiza Nova debe funcionar como escola de cadros do nacionalismo, e portanto debe potenciar o coñecemento das diferentes figuras, loitas e realidades ligadas ao soberanismo a á esquerda mundial, divulgar entre a militancia textos formativos, elaborar cadernos, realizar xornadas periódicas, etc.
Entendemos un modelo de formación baseado no debate aberto entre a militancia e non apenas no adoctrinamento de arriba a abaixo.

A nosa postura perante a XI Asemblea Nacional

En base ás análises e propostas aquí expostas, a nosa postura inicial é a de apresentarnos á XI Asemblea Nacional de Galiza Nova co noso discurso e contando con toda aquela militancia que concorde coa análise e propostas deste documento para unha candidatura á Dirección Nacional. Nengún dos outros dous polos organizados que nos últimos anos actuaron Galiza Nova reúnen uns mínimos que permitan que cheguemos a acordos de partida con ningún sector en exclusiva:

Por unha parte, a UMG é a responsábel da actual situación na organización e de todas as carencias e erros que nela queremos corrixir. Do mesmo xeito, a súa actitude durante os dous anos posteriores á X AN tivo como eixo excluir da toma de decisións e mesmo do dereito a participar ao sectores non afíns (particularmente a Isca!).

Pola outra, a recentemente constituída MSG ven de reformularse para actuar de facto como mocidades do denominado quintanismo (agora baixo as siglas “+BNG”) que ao noso ver representa (como se evidenciou na AN do 10 de Maio) as posturas máis dereitizantes que actúan no seo da fronte patriótica e que contribúen á plena homologación do BNG ás forzas convencionais e a súa renuncia ao discurso, principios e obxectivos históricos. Frente á nosa aposta por un xiro á esquerda e ao soberanismo, non sería comprensíbel aliarnos con quen defende xusto o contrario, aínda que existan especificidades notábeis na militancia xuvenil.

Porén, desde a nosa posición de partida, que non escondemos, estamos aberto ao diálogo cos diferentes colectivos organizados e co conxunto da militancia da organización, de cara a chegar a acordos e puntos de encontro que superen as dinámicas anteriores e que, desde a xenerosidade de todas as partes, contribúan a xerar un ambiente de militancia mais construtivo e respeitoso con todas as sensibilidades. Apostamos pola responsabilidade de todas as partes, unha sinceridade recíproca á nosa e a transparencia ao longo de todo o proceso. En particular, agardamos que se arbitre un procedemento consensuado para regular o acceso aos listados, para que o sector que acumula as responsabilidades organizativas non xogue cunha vantaxe que xulgaríamos como inadmisíbel en calquer proceso eleitoral (tal e como aconteceu na última asemblea).

&nbsp Diso depende un mellor funcionamento da nosa organización, na cal nos comprometemos a seguir traballando de xeito leal e consecuente, como sempre fixemos.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS