Galiza: Quen se oculta tras a iniciativa antiaborto do Parlamento?

Publicidad

“Cada ano medra en España o número de defuncións por aborto”. “A mesma sociedade no seu conxunto é a última vítima do aborto, xa que dilapida un capital humano irrecuperábel”… Estes foron algúns dos motivos esgrimidos pola Red Madre, tecido antiabortista creado polo Foro da Familia, para que o Parlamento galego admitise a trámite a “proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) pola que se estabelece e regula unha rede de apoio á muller embarazada”. As sinaturas recollidas polas entidades próximas ao Foro da Familia e a maioría do PPdeG fixeron posíbel que os parlamentares debatan a creación, con fondos públicos, dunha serie de centros públicos e privados que tratarán de impedir que as mulleres interrompan voluntariamente o embarazo. O modelo proposto sería semellante ao doutras Comunidades Autónomas, como Madrid, Castela e León, Valencia ou as Canarias.

A oposición, que votou en contra do texto, cualificou a iniciativa de “ultraconsevadora” e de esconder, baixo a máscara de máis axudas ás mozas, unha limitación do dereito a decidir libremente sobre o embarazo. A parlamentar do BNG, Ana Pontón, que recibiu tras a súa intervención no Hórreo o aplauso das deputadas socialistas, advertiu de que a proposición “pretende impoñer unha moralidade” e suporía “privatizar uns servizos que xa existen”. O certo é que o asesoramento que pide esta ILP xa é ofrecido pola propia Red Madre. A deputada do PSdeG, Laura Seara, criticou que despois de “falar de tanto malgasto” o PP non apoiase na primeira proposta desta VIII lexislatura medidas contra a crise, senón que promovese “darlles cartos” aos que “atentan contra os dereitos da muller”.

Próximos ao Opus Dei

Detrás da recollida de sinaturas escóndense asociacións antiabortistas de marcado carácter cristiá e ultraconservador. O Foro Español da Familia (FEF), principal promotor da iniciativa, abrangue máis de 5.000 asociacións de carácter civil que representan, segundo datos da entidade, uns catro millóns de familias. Os comezos da federación, nada en Compostela no 1999, foron pouco prometedores, pero coa vitoria socialista nas eleccións xerais de 2004 atoparon o inimigo contra o que actuar. Co gallo do desenvolvemento do Anteproxecto de Lei do Aborto do Goberno español, o FEF emprendeu unha virulenta campaña contra o que considera “un problema patolóxico de Zapatero e das súas ministras”. Segundo o Foro, a futura Lei do Aborto impulsada polos socialistas cáusalles ás mulleres “máis acoso” para que interrompan o embarazo.

Entre as asociacións que colaboraron na recollida de sinaturas atópase Evangelium Vitae, da que é fundadora Margarita Fraga, irmá do ex presidente da Xunta. “Autorizar a pílula é como permitir o uso da gasolina para apagar o lume”, ten apuntado.

Malia que o FEF se define non confesional, as entidades que o integran, como a Asociación Católica de Propagandistas, Hazte Oir ou a Confederación Católica de Padres de Alumnos (Concapa) comparten os postulados da Igrexa Católica, que ten apoiado activamente as súas mobilizacións. Entre as súas formulacións destaca a postura contraria á “desaparición do matrimonio legal”, contra a unión entre persoas do mesmo sexo, contra a fecundación in vitro, contra o “suicidio asistido” ou contra Educación para a Cidadanía. Integrantes do Foro como os avogados vigueses Ricardo Cuenca, Xesús Lorenzo ou o seu delegado en Galiza, Manuel Corredera, téñense involucrado na recollida de sinaturas a prol da obxección de conciencia a Educación para a Cidadanía.

Contra os anticonceptivos

O Foro rexeita a pílula poscoital e mesmo o preservativo. E é que considera que a “escalada nos niveis de aborto” é consecuencia da “propaganda dos anticonceptivos”. Nesta liña, ten acusado o Ministerio de Sanidade de “promover a promiscuidade sexual entre a xuventude” pola campaña do condón.

Os argumentos do Foro da Familia casan coa doutrina dos sectores radicais da Igrexa e mesmo do Opus Dei. O presidente do FEF, Benigno Blanco foi secretario de Estado durante oito anos nos Gobernos de José María Aznar. Tamén foi asesor dos populares no Congreso e traballou como letrado nos servizos xurídicos de Iberdrola. O propio Blanco admitiu, nun videochat do ABC en novembro do 2008, que pertence ao Opus Dei.

Apoio da cúpula eclesiástica e do PP

Nas últimas manifestacións, o Foro contou coa presenza de destacados líderes populares, como o cabeza de lista do PP ao Parlamento Europeo, Jaime Mayor Oreja, o ex secretario xeral, Ángel Acebes, o ex portavoz no Congreso, Eduardo Zaplana ou os ex ministros Federico Trillo, Ana Pastor e Miguel Arias Cañete. Tamén se uniron ás marchas os principais representantes da Conferencia Episcopal. O seu presidente, o cardeal Antonio María Rouco Varela, fora recibido cunha grande ovación á súa chegada á manifestación en contra do matrimonio homosexual.&nbsp

Nas redes sociais da internet, o Foro da Familia é apoiado maioritariamente por militantes do PP, de Nuevas Generaciones e de partidos ultraconservadores como La Aplicación Española. &nbsp Entre os seus “seareiros” destacan o portavoz do PP de Extremadura, Luis Alfonso Hernández Carrión ou o que fora candidato dos populares á Alcaldía de Sevilla, Juan Ignacio Zoido Álvarez.&nbsp

O ultraconservadorismo de Hazte Oir

Hazte Oir é unha das asociacións que forman parte do Foro Español da Familia. Nas súas filas hai un amplo abano de movementos que van desde o Opus Dei aos Lexionarios de Cristo. Ademais de considerar a homosexualidade como patoloxía, non aceptan a existencia do aborto terapéutico e rexeitan toda política de tendencia liberal ou progresista, así como as políticas medio ambientais ou ecoloxistas. Algúns integrantes de Hazte Oir, que teñen amosado unha postura crítica cara ao PP, ao que acusan de “acomplexado”, militan en partidos como a Comunión Tradicionalista Carlista, a Alternativa Española ou Familia y Vida.

A asociación mesmo lles ten solicitado aos seus simpatizantes que non voten o PSOE. Nos últimos días, ademais de solicitar na súa web a fin da “barra libre ao aborto”, Hazte Oir aludía a unha manifestación de traballadores que levaron as súas reivindicacións á Asemblea de Madrid. “Ante as citas electorais a Zapatero lle convén que haxa tensión e para iso mobiliza os seus peóns de forma violenta”, sinalaba.

Campaña contra Frigo&nbsp

As campañas e reivindicacións son trazos característicos de Hazte Oir. No verán do 2006, a asociación emprendía unha cruzada contra Frigo por un spot protagonizado pola actriz Paz Vega, que se desdobraba en dúas, ao entender que “fomentaba a homosexualidade”. Un anuncio de Ikea tamén foi interpretado como unha “incitación á homosexualidade” porque amosaba dous homes acompañados dunha muller facendo unha árbore de Nadal.&nbsp

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados.

This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish. Accept Read More