Galiza pecha 2008 con case 35.000 parados máis

Galiza foi a comunidade autónoma que experimentou o menor crecemento do paro en 2008, ao elevarse un 22,5 por cento e pechar o exercicio con 34.921 desempregados máis que en 2007.&nbsp

Non obstante, o número de parados aumentou en 9.083 persoas en decembro, o que significa un incremento do 5,02 por cento con respecto a novembro (maior que no resto do Estado) e sitúa a cifra total de desempregados en 189.903.

Do total de 189.903 persoas sen emprego contabilizadas en Galiza, 105.937 son mulleres e 8.436 son menores de 25 anos. Pola súa banda, outros 83.966 son homes e, deles, 11.001 son menores de 25 anos.

Por sectores

Así mesmo, o maior número de desempregados, un total de 103.069, concéntrase no sector servizos; mentres que aqueles que non contan con emprego anterior son un total de 23.635.

A industria acumula un paro de 30.255 persoas, mentres que o da construción é menor, cun 27.138 desempregados. A máis distancia, sitúase a agricultura, onde o número de persoas en idade activa, pero sen traballo, é de 5.806.

Con respecto ao mes de decembro, o paro aumentou en todos os sectores, aínda que especialmente na construción, con 3.453 persoas máis inscritas nas Oficinas Públicas de Emprego. A continuación, situáronse o sector servizos, con 2.839 parados máis, a industria, 2.354, e a agricultura, cun incremento de 400 desempregados.

Por provincias

A provincia con maior número de parados rexistrados na oficinas do Inem é A Coruña, con 75.767; seguida de Pontevedra, con 73.834. Cun número inferior de desempregados atópanse Ourense e Lugo, con 22.441 e 17.861 parados, respectivamente.

Pontevedra experimentou o maior crecemento do desemprego en 2008, que se elevou un 29,02 por cento fronte ao ano anterior, é dicir, 16.608 persoas máis. Ese incremento foi do 21,3 por cento na Coruña, do 14,4 por cento en Ourense e do 14 por cento en Lugo.

Así mesmo, Pontevedra rexistrou en decembro a suba máis pronunciada de Galiza, cun aumento do 6,4 por cento. Pola súa banda, ese reponte foi do 4,71 por cento en A Coruña, do 3,22 por cento en Lugo e do 3,11 en Ourense.

Menos contratos indefinidos

O número total de contratos en 2008 foi de 50.420, o que representa un descenso do 9,7 por cento respecto ao ano anterior, ao asinarse 5.389 documentos menos. En decembro, o descenso foi do 5,5 por cento fronte a novembro, despois de que se subscribisen 3.049 contratos menos.

Do conxunto dos 50.420 contratos, 5.131 foron indefinidos -1.995 de carácter ordinario- e 45.289 temporais. Os contratos indefinidos reducíronse un 12,8 por cento en 2008, ao subscribirse 759 menos que o ano anterior. Precisamente, en decembro a sinatura desta modalidade de contrato caeu un 11,7 por cento, ao subscribírense 680 menos que en novembro.

Os contratos temporais diminuíron un 9,3 por cento o pasado ano en comparación con 2007, ao asinárense 4.630 menos que o ano anterior. O mesmo comportamento se rexistrou en decembro, cun descenso deste tipo de relacións laborais nun 4,9 por cento, ao haber 2.362 menos que o mes precedente.
&nbsp

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS