Delegados/as da CIG ocupan entidades bancarias de todo o país para denunciar a súa responsabilidade na crise económica

Centos de delegados e delegadas da CIG realizaron hoxe peches simbólicos en distintas entidades bancarias do país para denunciar a súa responsabilidade na actual crise económica. Trátase dunha iniciativa que se enmarca na campaña preparatoria da folga xeral convocada o vindeiro xoves 29 de marzo en protesta pola nova reforma laboral que aprobou o Goberno español do PP.

A CIG realizou este martes ocupacións simbólicas nas oficinas de distintas entidades bancarias para rexeitar a reforma laboral, chamar á participación na folga xeral do vindeiro 29 de marzo e denunciar a responsabilidade do sector financeiro na xeración da crise. As ocupacións realizáronse nas sete cidades galegas, agás en Compostela, onde un forte dispositivo policial impediu aos delegados e delegadas da central sindical acceder á unha oficina do BBVA.

Con esta xornada de loita a CIG quere rexeitar as políticas económicas, sociais e laborais que tanto o goberno do PP en Madrid como na Xunta de Galiza están a pór en marcha. Unha batería de medidas dirixidas a recortar os dereitos laborais conquistados pola clase obreira nas últimas décadas e provocar unha perda xeneralizada do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras. Unhas medidas que, fronte ao que se pretende facer crer dende os poderes, resultan ineficaces para reactivar a economía real e xerar emprego.

Porén, mentres a maioría social padece as consecuencias máis graves dunha crise que non provocou, a oligarquía financeira e o gran capital continúan obtendo beneficios anuais de miles de millóns de euros. 

Forte dispositivo policial en Compostela

A partir das once da mañá, delegados/as da CIG de Compostela concentráronse diante das oficinas de novagalicia Banco, do Santander, do BBVA e do Banesto, na Praza de Galiza. Contra as 12.00 horas, todos os concentrados dirixíronse cara a oficina do BBVA, onde tiñan previsto realizar un peche simbólico que impediu a policía.

Os poucos que conseguiron entrar, disfrazados de «presos do capital», foron sacados collidos de pés e mans, provocándose un tumulto sen maiores consecuencias. A partir dese momento, a policía formou un cordón na entrada da entidade bancaria para impedir o peche. A concentración continuou media hora máis e rematou contra as 12.30 horas. 

Podes ver aquí un vídeo coas imaxes da ocupación frustrada de Compostela

Catro entidades ocupadas en Vigo 

No caso de Vigo ocupáronse catro entidades bancarias sen que se rexistrase ningún tipo de incidente. Arredor das 12.00 horas máis dun cento de delegados/as da CIG accedían ao interior da sede central de Novagalicia Banco, onde despregaron varias faixas e berraron consignas contra a especulación financeira. Acto seguido desprazáronse até o edificio do Banco Santander para repetir o acto reivindicativo. A mobilización rematou pasadas as 13.00 horas coa ocupación simbólica das sedes do BBVA e do Banco Popular.

Galería de imaxes das mobilizacións.

http://www.galizacig.com/avantar/novas/20-3-2012/delegadosas-da-cig-ocupan-entidades-bancarias-de-todo-o-pais-para-denunciar-a-sua-re

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS