Debate internacional sobre o papel da UE e do euro esta fin de semana en Pontevedra

Os vindeiros venres 11 e  sábado12 de abril, a Fundación “Moncho Reboiras” para o Estudo e Divulgación da Realidade Social e Sindical en Galiza (FESGA) organiza en Pontevedra, no Pazo da Cultura, co apoio do Concello de Pontevedra a segunda edición das Xornadas Internacionais “Comprendermos a crise”, intituladas: “Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e UE”.

Europa está nunha encrucillada. Logo de transcorridos cinco anos desde o inicio da vixente crise capitalista cobra importancia capital o papel que nela están a xogar as institucións europeas. De maneira singular a Comisión Europea, como instrumento executivo da propia UE, e o Banco Central Europeo, en tanto organismo regulador da moeda única. Non por casual, ambos niveis que son os chanzos esenciais sob os que se alicerza toda a estrutura da Unión Europea, integran canda a división para Europa do Fondo Monetario Internacional a denominada Troika.

Un debate necesario

A situación social, de maior empobrecemento das clases populares. e o momento económico, marcado polo desartellamento da base produtiva de Galiza, para alén das políticas de duros recortes impulsadas pola Troika, están a poñer en cuestión o denominado proceso de construción europea. Arestora existe un debate público aberto no que se contemplan opcións como o abandono do euro ou a saída da propia Unión Europea, como posíbeis respostas arredor dunha cuestión central: cabe ou non outra Europa? sobre que bases debe desenvolverse?

A Fundación Moncho Reboiras acredita que era necesario articular un espazo galego par a análise e a reflexión, no que se abordasen estas e outras cuestións, coa achega de importantes expertas e expertos do noso país e do ámbito internacional. Ese é obxectivo que se persigue con estas xornadas. A participación nas mesmas é completamente gratuíta, mais exixe por motivos de organización inscrición previa no web www.comprendermosacrise.info, onde se pode consultar o programa completo.

Panel internacional de expertas/os

Nas xornadas participarán, como relatoras/es, de Francia: Jacques Nikonoff (Fundador e ex-presidente de Attac) que tentará dar resposta á pregunta: “é preciso saírmos do euro?”; de Catalunya o economista Joan Junyent (Seminari Taifa de economía crítica) quen falará das alternativas ao actual modelo de construción europea ; de Uruguai o sindicalista Leonardo Batalla (membro da coordinadora do Encontro Sindical Nuestra América) quen partillará a experiencia latinoamericana de combate popular aos tratados de libre comercio como o que na actualidade negocian a UE e os EUA; de Galiza tomarán a palabra o economista Bernardo Valdês, que debullará a relación entre a configuración da UE e a vixente crise, e a tamén economista Mar Pérez Fra, quen analizará as consecuencias das políticas comunitarias nos sectores produtivos.

  • Consulta o programa completo das xornadas aquí
  • Inscríbete, de balde, aquí
NOTICIAS ANTICAPITALISTAS