Crónica do roteiro luces e sombras en Vigo

Publicidad

Malia que a noitiña non acompañaba, ducias de persoas xuntámonos para pasear polo Vigo das luces e das sombras. Un roteiro levado por unha guía turística moi «abelística» que levou ás camiñantes dende o agasallo xigante de Urzáiz con Gran Vía até a árbore da Porta do Sol. Percorrido no que tivemos a compañía de dous cabezudos: un de Abel Caballero e outro do Dinoseto.

No paseo iamos facendo paradas: bola, Marco, camelo… e demais chambonadas que o goberno de Caballero foi colocando no centro da cidade para que non vexamos as necesidades sociais que fican sen atender. En cada parada escoitamos as panxoliñas reivindicativas do coro de «lucirraptoras» que durante todo o roteiro animaron a camiñada. Un roteiro no que tivemos a oportunidade de nós atopar alcalde real, o cal non se animou a coller ningunha das postais da campaña #AlumeandoAMiseria.

Para rematar esta acción festiva chegamos á Porta do Sol onde unha compañeira deu lectura do seguinte manifesto:

Aquí estamos as viguesas do si.

Si a un nadal por e para todas, porque as nosas veciñas poidan alumear as súas casas, porque os recursos municipais se empreguen para que ninguén teña que durmir na rúa.

Si ao comercio local, ás tendas de barrio e aos proxectos cooperativos da nosa cidade, por un reparto dos recursos e beneficios equitativo, por unha economía sostible, responsable e consciente.

Si á participación activa da cidadanía, á creación dun proxecto comunitario en rede no que as persoas, asociacións e colectivos da cidade poidan achegar as súas propostas e participar na toma de decisións políticas e exercer os seus dereitos cívicos sen impedimentos nin discriminacións.

Si a un espazo público libre e accesible por todas e para todas e aberto a outros xeitos de convivencia e relación distintos do consumismo.

Si a unha atención prioritaria das necesidades reais da cidade e en todos os barrios por igual.

Si a unha política social acorde á realidade de todas e cada unha das veciñas sen prexuízo da súa nacionalidade ou condición social, por un reparto dos recursos que garanta unha vida digna de todas as persoas.

Si a unha investigación xudicial de responsabilidades no mantemento da cidade e á adxudicación irregular de contratos de servizos a empresas privadas como Iluminaciones Ximénez, Clece ou Dornier.

Si a unha transparencia por parte do concello sen manipulacións e desvíos de intereses.

Si á planificación dunha cidade sostible, descentralizada e social, no que todas as persoas teñan cabida sen prexuízo nin discriminación.

Si a unha política respectuosa e responsable co patrimonio material e inmaterial, por un mantemento e uso como recurso público do patrimonio industrial e arquitectónico lonxe de inversións especulativas.

Si a unha política cultural participativa e aberta á cidadanía, á creación dun plan de xestión e programación integral que atenda á diversidade cultural e artística na súa totalidade e fomente, poña en valor, visualice, manteña e apoie aos distintos proxectos que existen na cidade sen prexuízo da súa liña de actuación e sen mediación de intereses partidistas.

Si á creación de espazos públicos e mantemento e apertura dos existentes para o seu uso social, educativo e cultural por parte dos diferentes colectivos e asociacións da cidade sen cotas discriminatorias e abusivas e sen privilexios partidistas; porque os diferentes axentes sociais e culturais poidan desenvolver os seus proxectos contribuíndo, así, ao enriquecemento do conxunto da cidadanía e dende a base social.

Si a unha cidade fermosa na que as persoas e os bens culturais estean por riba dos intereses especulativos de mercado e reverta nun proxecto de fomento turístico sostible e interesado no patrimonio material e inmaterial propio.

Si a un compromiso real dunha práctica política antipatriarcal e a un plan de intervención efectivo que atenda ás distintas liñas de acción en canto ás problemáticas de xénero.

Si a un Vigo de todas e para todas!

Si ao poder de acción e cambio social!

Vigo, 21 decembro de 2018

CAIN e Asemblea por un Vigo +Social

– –

Imaxes do roteiro > https://www.flickr.com/photos/arealidade/albums/72157701638938552

Vídeo panxoliña https://youtu.be/e2DwyBwkWIk

También podría gustarte