Crear Poder Obreiro, Derrotar ao Capital.

            A reforma laboral e o resto da batería de medidas do goberno do PP teñen un alcance económico e social cos obxectivos primordiais de desmantelar o propio marco xurídico burgués de relacións laborais e prover a autocracia patronal e a precariedade laboral xeral, xunto ao saqueo depredador das rendas salariais e superexplotación da forza de traballo que lle permita investir a queda da taxa de ganancias no centro capitalista europeo e reiniciar a acumulación de capital, imposíbel pola recesión do propio sistema.

            Estes plans teñen un compoñente político, non só pola condición dos seus artífices, senón polo que supón de liquidación de dereitos e liberdades, supostamente fundamentais. Dun xeito calculado, a dereita reaccionaria, quere destruír as conquistas democráticas do movemento obreiro nos eidos laborais e sindicais, e con isto a capacidade de defensa e resistencia deste, pola vía do mercantilismo e individualización da relación laboral, e a limitación legal efectiva da acción sindical nas empresas e sectores. A oligarquía española sabe que o futuro da democracia burguesa pasa por espila de fachendas formais aínda mantendo febles aparencias, ao servizo directo dos seus requirimentos, e como tributaria á súa orixe e condición de clase.

            É por isto que o proletariado e tódolos traballadores e traballadoras temos que facer desta folga do 29 de Marzo unha vitoria rotunda e contundente, batendo con toda a forza da nosa unidade contra estas políticas e os seus autores, o goberno electo e fraudulento dun réxime monárquico corrupto, que como o seu antecesor social-liberal, é xestor conxuntural do gran capital financeiro español, baixo tutela do eixo imperialista xermano-francés.

            Este combate ha ser o primeiro dunha xeira de outros que virán en resposta a novas ofensivas que se han dar contra o pobo traballador, que só poden rematar nunha contraofensiva xeral da Clase Obreira e de todo o pobo na forma dunha FOLGA XERAL POLITICA para derroca-lo goberno reaccionario de Rajoy, e con el, levar á crise política a esta monarquía capitalista.

            As políticas capitalistas só poderán ser freadas e retiradas mediante o ascenso e a continuidade da mobilización obreira e popular, baixo parámetros de orientación clasista que rachen coa tradición sindical pactista e de colaboración co sistema iniciada a raíz da chamada transición e dos sucesivos pactos que só serviron para desarmar a clase obreira.

            Non abonda con opoñerse a políticas capitalistas criminais emprendidas pola oligarquía senón que estas deben ser derrotadas e demolidas. Se o inimigo pretende arrebatarnos todo, a resposta debe ir na dirección non xa de recuperar dereitos senón de amplialos, cómpre pasar da defensa ao ataque, da resistencia a ofensiva pois os obxectivos máximos deben ser os de gañar a guerra que a patronal e os seus gobernos nos teñen declarado.

            Hoxe  a tarefa fundamental da clase obreira é a de loitar na dirección de disputarlle o poder as clases dominantes e ir reforzando e acumulando forzas en torno ás demandas e reivindicacións obreiras inmediatas, que só poderán ser plenamente satisfeitas dentro dun novo marco político e económico que resposte aos intereses obreiros e populares e non aos das elites capitalistas.

            O pai do socialismo científico, Karl Marx, escribiu no Manifesto Comunista as seguintes verbas: Treman, se queren, as clases gobernantes, ante a perspectiva dunha revolución comunista. Os proletarios, con ela, non teñen nada que perder, como non sexa as súas cadeas. Teñen, en cambio, un mundo enteiro que gañar. Hoxe, estas palabras están máis presentes que nunca nas mentes dos comunistas, dos homes e das mulleres honestos que en todo o mundo sostemos en alto a alternativa do socialismo e do comunismo, único camiño para o pobo e para a clase obreira, pois o capitalismo en descomposición só ofrece explotación, dominación, represión, terror e guerra.

Non máis explotación e miseria!

Dereitos para os traballadores e traballadoras!

Abaixo a ditadura dos patróns!

Todo o poder para a clase obreira!

Folga xeral política ata vencelos!!

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS