Contra o capital, folga xeral
Cantos anos vai durar a crise actual? Será a clase obreira a que de novo salvará aos seus explotadores? Seremos novamente cómplices da socialización das perdas e da privatización das ganancias?
 
Coa irrupción do neoliberalismo, imposto a inicios dos anos 70 do pasado século, púñase fin ao capitalismo Keynesiano do “Estado de Benestar”, ao capitalismo de impulso á inversión en bens produtivos, de incentivos ao consumo interno e de intervención do Estado na economía. Nacía daquela, da man dos Estados Unidos de Nixon, da Reserva Federal, do FMI e do Banco Mundial, a fase máis avarenta do capitalismo. Para comerciar cómpre aceptar as regras impostas por estes organismos, sendo a primeira delas equilibrar o presuposto. Para equilibrar o presuposto hai que reducir gastos e, para reducir gastos, elimínase a inversión en sanidade pública, a inversión en educación pública, conxélase o crecemento salarial, abarátase o despido, redúcese o gasto público… Viu logo a caída do bloque socialista, que deu o disparo de saída á globalización da miseria: mercado libre en todo o planeta e proteccionismo para EEUU, UE e Xapón.
 
Galicia, por ser colonia española, viuse afectada pola política servil ao capitalismo que tiveron e teñen os gobernos españois. Na II Restauración borbónica (1975) a nosa nación foi silenciada, e os sindicatos estatais, na defensa dos seus intereses particulares e españois, iniciaron unha política antiobreira que afectou fondamente a Galicia. A posterior entrada na UE (1986) levou á destrución dos nosos sectores produtivos: naval, gandería, pesca, agricultura… co consecuente empobrecemento do noso proletariado.
 
A política da patronal española e, por extensión alienante, da patronal galega, foi competir no mercado europeo abaratando os produtos e baixando a súa calidade; o atallo para abaratar estes custos foi sempre poñer freo ao crecemento salarial. Se hai inflación baixan salarios, se hai deflación baixan salarios; a baixada salarial é a única solución que atopan os economistas máis preparados do capitalismo. Estudar para isto! O Capital ten sempre un plan de acción meditado e nese plan paga a clase obreira. É hora de que o proletariado deixe de ser escravo, non podemos salvar este sistema para que nos siga a explotar. A nosa obriga de comunistas implica acumular forzas para facer caer este sistema que non serve.
 
Dende a FPG sempre loitamos por unha central sindical única galega, do mesmo xeito que sempre demandamos un marco galego de relacións laborais. Facemos agora un chamamento urxente ao proletariado, ás centrais sindicais, en particular ás de dirección galega, CIG e CUT, para que inicien un proceso de acumulación de forzas que leve a unha convocatoria inequívoca de Folga Xeral; unha convocatoria que é de imperiosa necesidade. A clase obreira galega non pode permanecer impasíbel ante a continua agresión que sofre dende o capital: Expedientes de Regulación de Emprego, conxelación salarial, abaratamento do despido, despedimentos pagados coas subvencións públicas da Xunta e do Estado, convenios en precario coa complicidade dos sindicatos españois da patronal… Debemos reaccionar.
 
A FPG demanda unidade de acción neste momento clave para a historia de Galicia. Non deamos tregua á explotación, saiamos a rúa, a clase obreira así o está a pedir.
 
 
En Galicia, a 31 de marzo de 2009
Comité Central da FPG