Combater nº2: publicamos na rede o noso voceiro nacional

O Combater nº2, novo número do voceiro nacional de isca!, &nbsp chega renovado en deseño e formato, con oito páxinas de artigos de análise política e reflexións encol dalgúns dos temas que nos últimos meses xa se teñen tratado na nosa páxina web.&nbsp Enumeramos a continuación o índice de conteúdos desta nova entrega do voceiro nacional:

Editorial: “A falaz soidade do corredor de fondo” , onde se propón unha radical mudanza do comportamento social previo a un cambio do sistema.

“2012, moito mais que un tren” , artigo no cal se critica a construción dun tren de alta velocidade (T.A.V)&nbsp no noso país e se enumeran as consecuencias negativas da súa implantación.

“Movimento xuvenil, rupturismo ou institucionalización”, onde repasamos a historia recente das organizacións xuvenís do nacionalismo galego e analisamos a deriva no plano ideolóxico e organizativo de Galiza Nova co resultado dramático da perda dos seus sinais básicos de identidade.

“A bolsa ou a vida, reflexións encol da crise financeira”, no cal se sostén que a crise actual é produto da voracidade do sistema capitalista e se alerta da entrada dun novo período onde as contradicións de clase se exacerban e a única saída é a loita a prol dos dereitos básicos da clase traballadora.

“A nova retórica dos direitos no españolismo” analisa o entramado ideolóxico do binomio español-capitalista e retórica paralela que impón para tratar aspectos económicos e culturais, coa negación constante da existencia de dereitos colectivos e a construción dun “liberalismo lingüistico”.

“Plano de Bolonha, o capital arriba à Universidade”, un resumo da involución e crise do modelo universitario público, acosado por gobernos europeus e multinacionais co obxecto da privatización parcial e entrada maciza de capital privado na xestión.

“Reconstruir o movemento feminista, redefinir a participación”, artigo que propón a reformulación da loita feminista nun modelo non excluinte que contemple a participación en pe de igualdade de homes e mulleres para conseguir que a loita da muller sexa a de toda a sociedade.

Podes consultar aquí en-liña o Combater 2.

Podes descargar aquí o Combater 2.

&nbsp A continuar, reproducimos o artigo editorial que ocupa a portada do Combater nº2:

A FALAZ SOIDADE DO CORREDOR DE FONDO //

Colin Smith corre velozmente, seguido de perto por outros corredores. Vai de primeiro na carreira, e por uns intres logra esquecer a privación de liberdade en que vive. Resopra. Mira cara atrás. Ainda están lonxe. As árbores ocultan un sol que reloce entre as follas. No entanto, o director do correcional confia na vitoria do mozo, que lle reportará prestixio e prebendas persoais.

Obrigados a competir entre iguais, esvaramos e enterramos os pes na lama, mais aínda así seguimos a correr cara adiante. Xa case non somos quen de mirar cara atrás, por medo a enfrontar o pasado. Corremos por un vieiro perfectamente delimitado, deseñado por outros, e cun final marcado previamente. Aspiramos a acadar a meta antes que ninguén para un día poder trazar a meta dos demais, marcar o camiño de outros.

É a espiral da explotación, que nos obriga a ser cómplices do sistema, punindo a quen saia do vieiro marcado. Sermos explotados coa esperanza de sermos algún día explotadores. Mentres tanto, o director do correcional será quen saque partido do noso talento, das nosas capacidades, das nosas ilusións. Privándonos de liberdade, reprendéndonos, enfrontándonos con iguais. Porque sen a sumisión non existen os direitos neste correccional globalizado, o noso Guantánamo particular de todos os días.

É posíbel sair do camiño marcado? Acaso os corredores de fondo non deberían marcar a súa propria meta? Non deberían cooperar, trazar un plano de evasión, desafiar aos represores? É claro que alguén sairía do vieiro para coller un atallo á meta, traizoando aos compañeiros. É unha posibilidade. Mais aínda así, non merece a pena seguir un camiño proprio, elixido conscientemente? Ou é que até nos privaran da consciencia?

O servizo de orde vixíanos todo o percorrido, tentando que todo ocorra seguindo as previsións. Recórdannos que só competindo lograremos o favor individual do director. Só así teremos dereito a chegar a meta, a unha ducha, a un xantar quente. Perdemos a consciencia. Sopramos. Xa vamos de primeiros na carreira. Por fin os nosos soños faranse realidade e rematará o noso sofrimento. A meta está á vista. Chegamos con vantaxe. O director albíscanos e alégrase. Ducias de persoas situadas tras da liña da meta aplauden sen parar. Entón miramos cara atrás. O tempo para. Sopramos de novo.

Colin Smith detense xusto antes de cruzar a meta, ante a incredulidade da xente e a irritación do director. Por primeira vez fora quen de decidir o seu proprio destino. Desafiara a propria meta que lle marcaran, o obxectivo que se supuña que tiña que cumprir. E agora que? Que sucedería?
Temos direito a fabricar os nosos proprios soños, a decidir o noso destino colectivo, a desviarnos do vieiro marcado. Temos de ser quen, como Colin, de irritar o director, de desafiar o sistema. Temos de confiar nas nosas posibilidades , na nosa capacidade para mirar atrás e aprender do pasado. No noso direito a intervir no futuro, de non ceder ante a chantaxe da espiral da explotación. Temos a obriga de nos negar a ser explotados, así como da posibilidade que nos brindan de nos converter en explotadores.

O vieiro non é doado, está cheo de lama e transcorre por paraxes descoñecidas. Será mais doado, sen dúbida, se recoñecemos que colectivamente podemos lograr a meta que buscamos. Sen explotación, sen directores, sen público que nos aplauda e sen recompensas falaces. Sen represión.

E nesta outra carreira, desta vez decidida por nós, non só decidiremos a velocidade á que ir, se facemos pausas, se non, ou mesmo se nos queremos deter durante o camiño.

Chegará o ponto no que poidamos reflexionar sobre o proprio sentido da carreira. Mais desta vez seremos nós próprios os que decidamos, sen a presión de ninguén, sen condicionantes. Sen explotación. Sen imposicións.

É preciso por fin á servidume liberal que nos escraviza e pre-determina a nosa vida. Só cunha previa saída da escravatura, da posta en cuestión do modelo económico e da súa transposición institucional poderemos albiscar novos horizontes.

E o noso camiño cara a emancipación individual vai parello indisolubelmente ao da nosa emancipación colectiva. A auto-determinación é a ferramenta indispensábel que une o noso futuro colectivo coas novas metas individuais.

O noso destino vamos decidilo nós. Rescataremos de novo o berro de “Galiza Ceibe – Poder Popular” de quen pretende secuestralo e reducilo a unha palabra de orde baleira de conteúdo. E farémolo para a construción dunha Galiza liberada, ao servizo das clases populares e do seu dereito a decidir, da ruptura con quen nos rouba a liberdade. Porque só de xeito colectivo seremos quen de por fin á servidume liberal e de relacionármonos en pe de igualdade cos demais pobos que habitan o planeta. De Galiza, vamos contribuir a tecer novos camiños de liberdade.

É neste ponto onde terás que decidir se queres parar antes da meta como Colin , pensando por ti mesma, ou se aceptas o camiño que outras marcan por ti. A ficción consiste en facerche crer que corres soa, sen compañeiras e compañeiros que che poidan axudar. Libérate do engano: somos muitas as que facemos esta carreira xuntas e que temos pensado parar antes da meta.

A soidade que impón o capitalismo é unha mentira colosal. Derrubar este sistema para construir un outro mais xusto é acadar a liberdade.

Referencia do filme: “A soidade do corredor de fondo”
“The Loneliness of the Long Distance Runner” Tony Richardson, 1962

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS