Carme Freire, secretária-geral do SLG: «A alimentaçom deveria ser um direito e nom um negócio»

Publicidad

Que medidas xerais hai que tomar para a recuperación do sector agrogandeiro en Galiza?

Primeiro habería que tomar medidas de tipo político, tanto a nivel de Galiza, que aínda que non teña as competencias si ten a responsabilidade política de facelo, como por suposto a nivel estatal. Ten que haber unha mudanza das normas e leis que neste momento están establecidas e que permiten que a produción de alimentos estea en mans das multinacionais e sexa un negocio para elas. Neste sentido, por exemplo, apostamos polo establecemento de normativas que garantan, tanto para os consumidores como para os produtores, uns marxes máximos de ganancia en toda a cadea. Defendemos tamén un prezo mínimo para os labregos e labregas que nos permita cubrir os custes de produción e o traballo de facer estes alimentos. Algo básico para que os labregos poidan vivir da produción de alimentos aquí na Galiza e en toda Europa.

Logo en particular, na política leiteira debería haber unha modificación das últimas reformas de política agraria no que se refire ao leite, en canto a non seguir apoiando a liberalización máis absoluta do mercado e da produción. A lexislación actual favorece que se sigan producindo excedentes en toda a UE para seguir dando mercado, seguir dando baixos prezos e que as multinacionais poidan seguir adquirindo o produto a baixos prezos. Isto é o que está sucedendo co problema do prezo do leite e non xe arranxará se non hai unha reformulación orientada a reducir a produción e redistribuíla naquelas explotacións familiares ás que habería que primar e asegurarlles unha produción e un prezo garantizado.

Despois hai outra serie de cuestión que teñen que ver cos mercados. Ten que haber unha aposta polos mercados locais, de proximidade, de venta directa. Polos mercados nos que teñamos que ver as persoas, e non só os negocios, xa que o da alimentación debería ser un dereito e non un negocio.

Como valora o anuncio do conselleiro de Medio Rural de que se vai a investigar o dumping no sector lácteo?

Nós pensamos que todo isto de tribunais da Competencia son organismos que xa están creados dende a estrutura dese poder que sustenta o negocio das multinacionais. Mentres non se adopten medidas que obriguen aos gobernos a entender, a garantir e a fixar os prezos dos alimentos e velar pola chegada aos nosos pratos dos alimentos producidos nas nosas áreas rurais, todos os outros mecanismos son brindis ao sol. Son mecanismos que non van a solucionar o que estamos padecendo e o que están é a desfacer o noso sector.

Cales son as causas do conflito de varios produtores leiteiros coa empresa Leite Río?

A causa primeira é a chantaxe. As industrias están afeitas a someter sen cortapisas aos produtores mediante a "lei do máis forte" para imporlles o prezo. Dito isto, quero dicir tamén que nós sabemos que as industrias impoñen uns prezos, en parte, por que son as multinacionais da alimentación e da distribución as que lle marcan a eles eses prezos. Todo isto é unha cadea, e polo tanto, ou ten unha limitación de tipo político, pois son os gobernos quen teñen que velar polas garantías das explotacións para vivir e dos cidadáns que comen alimentos, ou senón esa chantaxe é efectiva e se traslada aos produtores desde todas as chantaxes do negocio da alimentación.

Por outro lado, o conflito non é individual, ogallá fose só un conflito individual porque así tería outro tipo de resolución. Este é un conflito da chantaxe á que se vén sometidas todas as explotacións durante os últimos anos. Ocorre que neste caso se atoparon con dúas explotacións que lles plantaron cara e que denuncian, coa colaboración dos veciños da comarca e do sector organizado, que estas chantaxes son as que padecemos todo o sector a diario e que non son só casos illados. Así foi como se desenvolveron todas as accións nesa denuncia colectiva, dun problema colectivo e dunha chantaxe colectiva.

Que importancia teñen as eleccións europeas para o sector en Galiza?

Pois teñen moita, na medida en que todo o que falamos antes en boa parte se negocia na política agraria europea, e polo tanto, nas reunións dos ministros, que son os que poden variar estas cuestións das que falabamos e que son as que solucionarían o podernos vivir. Polo tanto, as eleccións europeas son fundamentais para chegar coa nosa voz e as nosas reivindicacións dende a presión social, pero tamén dende a presión política, e polo tanto dende a representación política, para que en Bruxelas haxa esta mudanza estrutural.

Por que se aprazou a "tractorada" prevista para para esta semana?

Aprazouse porque, de xeito unitario, as tres organizacións agrarias e Agaca nos prantexamos, mediante a consulta co sector, a posibilidade de que se habilitasen esas medidas tan cacarexadas, que ao final tivemos constancia na reunión deste mércores que non se ían realizar. Se non se solucionan os problemas da recuperación e estabilidade do prezo para cubrir os custes de produción, non temos nada solucionado. Cabía esta posibilidade, e a posibilidade de poñerse na Mesa do Leite á fronte do sector lácteo galego dende a Administración, dende as organizacións agrarias e dende as industrias, para reclamar que non pechemos todos. Entón demos esa tregua para ver se pode dar esa posibilidade.

O que pasa é que isto foi anunciado o venres pasado, e na medida en que o sábado salta o conflito nas dúas explotacións de Lugo e a resposta do conselleiro dicindo que é un problema individual e non colectivo, significa que ou nada entende ou nada está disposto a solucionar. E por iso é polo que nós xa dixemos que con este tipo de respostas o que se estaba buscando dende o Goberno galego e central era que desde o SLG non puidéramos confiar en que estiveran tentando buscar solucións. Polo tanto, se non están dispostos a solucionar nada terán que ter tractorada.

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados.

This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish. Accept Read More