Bride-purchising: sexismo, privación da liberdade e internet

Máis alá (que tamén) da muller obxecto, encontramos unha forma de sexismo totalmente impactante. É o caso do chamado bride-purchasing ou bride-buying, que consiste na compra de mulleres para convertelas en esposas ou escravas sexuais. Se ben este é un costume cuxo berce, parece ser, encontramos na India e na China en épocas remotas (mais realmente semella unha práctica universal), aínda sobrevive hoxe en día [1]. E non só resiste, senón que utiliza a rede como soporte [2]. Realmente, trátase dunha manifestación moderna da escravitude, e en consecuencia dun atentado contra o artigo 4.º da Declaración Universal dos Dereitos das Persoas[3]:
 
 
“Ninguén estará sometido a escravitude nin a servidume; a escravitude e a trata de escravos están prohibidas en todas as súas formas”
 
 
Amparándose por un lado no anhelo dunha vida mellor por parte de mulleres que viven nunha situación de miseria ou de penalidades, normalmente procedentes de territorios economicamente deprimidos; e polo outro nas dificultades para encontrar esposa padecida por moitos homes en Occidente, principalmente en países superdesenvolvidos como  Estados Unidos ou Alemaña; técese unha rede de compra e venta de seres humanos disfrazada de páxina de contactos. Sen ir máis lonxe, basta con lembrar os anuncios en  banners dun coñecido sitio de internet deste estilo, no cal se presentaba a atractivas mulleres con características eslavas vestidas de gala e, asemade, a desenvolver labores do fogar. A muller “ideal” (desde a perspectiva machista), fermosa e dedicada aos traballos domésticos. Iso é o que se colixe destes anuncios, dos cales se deduce que a antedita plataforma non ofrece esposas, senón practicamente criadas ouescravas.
 
 
Ademais, chégase á obxectualización da muller de tal forma que incluso o portal líder entre este tipo de páxinas “diversifica o seu produto”, de xeito que o cliente pode escoller á súa namorada en función dos seus posibles caprichos en relación a raza ou procedencia (Rusia, Ucraína, Asia en xeral, Filipinas, Costa Rica, Brasil, América Latina en xeral, mulleres árabes,…). Mais, por riba de todo, non só se “comercializa” con seres humanos, senón que ademais de usar supostamente o engano para captar ás rapazas, os seus servizos son sospeitosos de seren fraudulentos [4]. 
 
 
Este artigo, por tanto, pretende alertar sobre esta práctica, plenamente viva, por desgraza, dentro da rede, aínda que tamén fóra. Hoxe, 25N, día de concienciación contra a violencia machista, parécenos unha data axeita para criticar as diversas formas de sexismo e, en definitiva, de denigración da muller. E este, desafortunadamente, é un dos maiores atentados que coñecemos contra a igualdade de sexos, unha igualdade cuxa consecución efectiva parece distante no tempo. Só queda seguirmos traballando, un día após outro, para combater este tipo de discriminacións. A concienciación revélase como unha ferramenta útil e como unha arma poderosa ante a discriminación por sexos. Usémola!
 
 
 
 
 
NOTICIAS ANTICAPITALISTAS