Adolfo Domínguez, a ruindade dos necios

Desde o Forum Europa Tribuna Galicia, este mércores 3 de febreiro o modisto galego de nacemento Adolfo Domínguez (AD) deu en espir as súas receitas para a actual conxuntura económica e o seu propio ideario que, hoxe en día, se sitúa a carón da caverna ideolóxica da dereita máis dura e reaccionaria. Na realidade, máis doses de neoliberalismo na procura dunha maior anemia do público fronte á voracidade do privado, cunha total desregulación e carencia de normas que faga que os/as de arriba durman na súa bonanza mentres os/as de abaixo, cada día máis pero con menos, bocexemos a nosa existencia malamente.

Sostén AD (desde o seu emporio de máis de 600 tendas localizadas en máis dunha vintena de países de catro dos cinco continentes) que para lle meter o dente á crise e ao seu reflexo no Estado español urxe precarizar de vez (aínda máis!) as condicións laborais e sociais da clase traballadora (alongamento da idade de xubilación, despedimento libre e baixada de salarios e pensións, por exemplo), no ronsel da vaga neoliberal que se cría en retirada tras o seu fracaso absoluto como modelo socio-económico. Unha “paréntese na economía de mercado” ouveaba en setembro de 2008 o indesexábel Gerardo Díaz Ferrán, presidente da organización patronal española CEOE e nefasto empresario que non hai moito declaraba que nin el mesmo voaría en Air Comet, compañía da que é copropietario.

Por certo, que AD parece esquecer, e ben deliberadamente, o establecido tanto no Código de Conduta como na Política de Responsabilidade Social que algún día dixo asumir a súa empresa, suponse que como subterfuxio da ruindade das súas prácticas empresariais, de patrón explotador da man de traballo nos países empobrecidos e mesmo na Galiza da economía somerxida de mulleres e algún que outro home cosendo nas casas, sen unha relación laboral normalizada, para o outrora modisto en voga.

Así, no documento onde se declara a Política de Responsabilidade Social da empresa (do ano 2003), establécese, entre outros, o seguinte precepto: “ Garantiremos que non se levan a cabo prácticas de contratación irregular, ou de falsificación dos programas de aprendizaxe, dirixidas a evitar o cumprimento das&nbsp obrigas legais relativas aos dereitos laborais e á seguridade social&nbsp (sic)”. E no Código de Conduta (de 2006) sinálase o compromiso de “cumprir con todos os&nbsp requirimentos de responsabilidade social, condicións laborais&nbsp (sic) e xestión ambiental definidos no noso código de conduta”. Visto o visto, papel enchoupado, máis ca mollado, para quen ganduxa en foros públicos a súa indecente filosofía neocon.

Tamén sostén AD -que no seu día foi home de referencia na moda da socialdemocracia progre pesoísta tras o abandono desta dos traxes de pana cos que chegaran ao Goberno do Estado en 1982- que o chamado Estado de Benestar resulta inservíbel e, indo máis aló, mesmo se lanzou a pedir liquidar sen complexos o ensino gratuíto. Outra volta de parafuso máis para ese home que algún día foi progre de salón ao abeiro daquel felipismo destrutor do ideario socialista mantido nos seus inicios polo PSOE, partido do que hoxe renega unha e mil veces o modisto.

Hai uns meses, AD descolgárase, así mesmo, cunhas declaracións públicas nas que afirmaba a súa coincidencia cos postulados políticos da dereita populista e neofascista que representa UPyD, toda unha declaración de principios do modisto nado na Pobra de Trives acerca dos postulados que nel aniñan, apenas a ruindade dos necios.

Rafa Vilar
[Galiza, 4 de febreiro de 2010]

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS