«A única alternativa ao sistema comercial internacional é a loita pola soberanía alimentaria»

Publicidad

Fernanda Couñago, de&nbsp Amarante; e Lidia Senra, do Sindicato Labrego Galego (SLG), presentaron xuntas as actividades que ámbalas dúas organizacións, xunto coa ecoloxista&nbsp Verdegaia, as cooperativas de consumo responsábel&nbsp A Gradicela,&nbsp Árbore,Semente&nbsp e o grupo&nbsp Emaús, han desenvolver o vindeiro sábado 9 de maio, o Día Internacional do&nbsp Comercio Xusto, en seis cidades e vilas de Galiza.
Mais este ano, alén de reivindicar o comercio internacional xusto con produtores e compradores, quixeron darlle outra volta a esta data, e denunciar as condicións de produción e o control dos prezos das grandes empresas, "que non garanten nin salarios dignos, nin vida digna para os produtores", alén dos sistemas de produción e transporte das grandes transnacionais da industria alimentaria, que degradan o medio e levan a fame de norte a sur. De feito, este ano, baixo o lema "pola soberanía alimentaria, por un comercio xusto de norte a sur", xúntanse as reivindicacións e as denuncias destas sete organizacións que representan as asociacións de comercio xusto e solidariedade, as cooperativas e grupos de consumo consciente, os grupos ecoloxistas e as organizacións labregas.

Reivindicando o mercado transparente: sustentabilidade, seguridade e soberanía alimentar

Ao comezar a presentación dos actos que se han desenvolver este sábado, Fernanda Couñago valorou que "por primeira vez se unan seis organizacións de diversos eidos", non só relacionadas co comercio xusto, o que vai servir, dixo "para visibilizar os intereses e as demandas dos pobos de norte a sur". Nesta liña, Couñago lembrou que a problemática que afecta aos pequenos produtores da industria agroalimentaria é "global", xa que a todos afecta "a rede comercial internacional, vencellada ao actual sistema neoliberal".
Nesta liña, a directora de Amarante tamén quixo lembrar que o sistema comercial internacional non só está artellado en detrimento dos intereses dos pequenos produtores, senón que tamén fai que medren, día a día, as desigualdade no medio rural, que "cada vez está máis acosado pola industria e as multinacionais". A seguir, Couñago falou da vulneración do "dereito á alimentación" nos contornos rurais, unha realidade que se pon de manifesto día a día, e que podería ser atallada mediante un sistema de "mercados transparentes", isto é, sistemas de compra a venda nos que os produtores se relacionen cos consumidores; onde se amosen os prezos de produción na orixe (diferenciados dos que cobran, posteriormente, as grandes superficies, que son moito maiores); onde haxa produtos de tempada; que contribúa ao desenvolvemento rural; no que se denuncie o escaso acceso á terra dos pequenos produtores fronte ás transnacionais; e no que se reivindique a seguridade alimentaria.
Couñago tamén quixo salientar que esta xornada quere fuxir dalgúns estereotipos que contribúen a banalizar o comercio xusto, e que, con datos oficiais na man, quere lembrarlle ás administracións que o sistema comercial artellado polas grandes superficies non xera tantos beneficios para a economía local como se pensa. "Os últimos datos do INE especifican que nos últimos seis anos pecharon 70 mil pequenos negocios no Estado Español, mentres outras investigacións a nivel internacional constatan que o 50% do que se gasta no pequeno comercio reverte na economía local, mentres o que se gasta nas grandes cadeas de distribución só xera un 5% de beneficio na economía local", sinalou Couñago, dicindo que as súas palabras só son "un apuntamento do que son as contradicións do que defenden os políticos".

"A única alternativa a todo este sistema é a soberanía alimentaria"

Non é a primeira vez que dende o SLG -que fai parte de Vía Campesiña- debatemos sobre cara onde nos leva o comercio internacional de alimentos, e sempre chegamos á conclusión de que ao único que conduce é a un beneficio cada vez maior para as grandes transnacionais e distribuidoras, en detrimento dos labregos e labregas e dos países, que deixaron xa de decidir que políticas agrarias queren aplicar, e desenvolven as medidas que ditan, a través da Organización Mundial do Comercio (OMC) estas grandes empresas", sinalou, na súa intervención, Lidia Senra.
Senra fixo fincapé, sobre todo, nos chamados alimentos viaxeiros, que, estando fóra de tempada no noso país, terminan importándose doutros, e "canto máis teñen que viaxar, menos se lles paga aos labregos que os cultivan". "E isto ten outras moitas consecuencias, como o incremento da fame, na medida en que as grandes transnacionais que controlan o comercio agroalimentario, obrigan os labregos a producir para as exportacións, aumentando as súas terras e impedindo o acceso á terra, e, por conseguinte, á alimentación de moitas familias". A seguir, a representante do SLG tamén lembrou que este sistema non só produce danos aos humanos, senón tamén "no medio, sobre todo se recorremos ao mercado internacional na procura de alimentos que podemos producir aquí, nun radio de 50-60 quilómetros", sinalou Senra, ao tempo que salientaba que mercar os produtos locais reduce o "impacto ambiental e ecolóxico". "A única alternativa a todo este sistema é a soberanía alimentaria", concluíu Senra.

Actividades en seis vilas e cidades

Este sábado, estas sete organizacións desenvolverán actividades en cinco cidades do país e na vila de Ribadeo (A Mariña). Os Cantóns da vila mariñá aciollerán os actos do Día Internacional do Comecio Xusto, mentres que na Coruña desenvolveranse na Praza do Obelisco, e en Compostela, durante todo o día, na Praza do Oito de Marzo, na Porta do Camiño. En Vigo desenvolveranse estas actividades na Gran Vía -á altura da Rúa Venezuela-, en Ourense na Praza Maior, e en Pontevedra na Praza de Curros Enríquez. Entre os actos haberá teatro e mesmo degustacións de comida senegalesa. Para máis información, consulte a&nbsp web de Amarante.
También podría gustarte

Los comentarios están cerrados.

This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish. Accept Read More