A inflación sobe porque as empresas están a repercutir a crise nos prezos para manter as súas marxes de beneficio
Neste sentido, Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral asegura que no estado español, nos últimos oito anos, tal e como ten admitido tamén a propia OCDE, estes beneficios empresariais foron tres veces superiores á media europea. “Para manter eses beneficios empresariais as empresas adoitan acudir ao mecanismo de aumentar os prezos dos produtos incrementándose así a inflación”.
 
Incremento maior do prezo dos alimentos en Galiza
No caso galego, Alcántara sinala que o incremento dos prezos dos alimentos por riba da media estatal comeza a pór de manifesto as consecuencias das políticas de abandono do agro aplicadas, sobre todo na década dos 90 e principios da actual. Unhas políticas que derivaron na perda, cada vez maior, de soberanía alimentaria e que provocaron que Galiza teña que importar alimentos do estado español e da UE, maioritariamente. A iso habería que engadir, segundo Alcántara, o carácter periférico do noso país e que as cadeas de distribución tamén garanten a súa marxe de beneficios repercutindo os custos nos prezos dos alimentos. O secretario confederal de Negociación Colectiva alerta ademais de que, ao ser o incremento da inflación consecuencia, sobre todo, do incremento do prezo dos alimentos, os máis prexudicados serán os que teñen os ingresos máis baixos, ou sexa, as clases populares, nomeadamente a clase traballadora.
Manipulación perversa do cálculo do IPC
A forma de calcular o IPC modificouse coa entrada do euro, no ano 2002. Até ese momento o prezo dos alimentos pesaba no cálculo dese índice un 30%. A partir de aí pasou a pesar o 21,8%, perdendo máis de 8 puntos. “Se seguiramos aplicando agora a mesma porcentaxe de peso do prezo dos alimentos que no ano 2002, a suba da inflación sería aínda maior, aproximadamente un punto e medio máis alta”. De novo, as principais prexudicadas son as rendas máis baixas, porque o prezo da cesta da compra supón unha porcentaxe máis elevada de gasto no conxunto dos seus ingresos que para as rendas máis altas.
Incrementos salariais
Malia as graves repercusións para as condicións de vida das familias con ingresos máis baixos, tanto a Banco Central Europeo como o Banco de España, manteñen a obsesiva recomendación de que non se incrementen os salarios coa xustificación de que ese aumento provocaría un repunte da inflación.
Fronte a iso a CIG lembra que as políticas de contención salarial que se veñen aplicando nos últimos dez anos teñen provocado basicamente unha perda de calidade de vida da clase traballadora e un incremento exponencial desorbitado dos beneficios empresariais. “A CIG non vai asumir ese discurso. Non aceptamos que sexa a clase traballadora quen teña que pagar coas consecuencias dunhas políticas neoliberais baseadas na especulación e na sobreexplotación da clase traballadora. A crise que a paguen os que a provocaron. Os beneficios empresariais son responsábeis do aumento da inflación e a miserábel política de contención dos salarios de que se vexan mermadas as condicións de vida das traballadoras e dos traballadores”, afirma Alcántara.
O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG sinala tamén que se a contención salarial fora realmente unha ferramenta para conter a inflación, en Galiza “teriamos unha inflación dun 30% por debaixo da estatal, porque os salarios galegos son tamén dos máis baixos do estado. Porén, esa situación nunca se deu, de modo que non vale esa perversa interpretación”.