A CIG presenta a súa proposta de “Políticas alternativas para a crise”

A Confederación Intersindical Galega vén de presentar o documento “Políticas alternativas fronte a crise”, onde se analiza o actual contexto de crise económica e se apuntan medidas dirixidas non só a enfrontala senón mesmo a camiñar cara un novo modelo económico e produtivo. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, adiantou na súa presentación, que estas propostas non quedarán só no papel, senón que o obxectivo é “propiciar un debate para que se tome consciencia da situación” e iniciar mobilizacións para exixir a súa aplicación.
&nbsp

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que presentou o documento acompañado do secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, lembrou que a CIG xa advertira no seu momento que Galiza estaba tardando máis tempo en incorporarse á crise, pero que unha vez entrara esta sería especialmente dura e que levaría tempo superala.

A situación actual evidencia, segundo explicou Seixo, que a CIG estaba atinada nos seus prognósticos. Alén dos datos económicos xerais, o secretario xeral da CIG salientou a perda de emprego, que é especialmente preocupante, chegando aos 231.628 parados, a cifra máis alta nos últimos 15 anos; cada vez se presentan máis EREs que afectan fundamentalmente á industria; no sector naval, que parecía resistir o impacto da crise, prevese un ano 2010 difícil; empresas de telemarketing apostan pola deslocalización e xa están anunciados máis de 700 despedimentos no sector; redúcese o gasto social en ensino e saúde e apóstase polo desmantelamento dos servizos sociais.

Para a CIG, tanto desde o goberno central como desde a Xunta de Galiza non se lle está dando a resposta adecuada e lonxe de&nbsp enfrontar a situación apóstase por políticas que afondan aínda máis nese modelo neoliberal que foi, precisamente o responsábel da actual situación de crise.

Así Seixo indicou que desde a patronal deféndese a conxelación salarial como fórmula para incrementar os seus beneficios, non se adoptan medidas de control dos circuítos especulativos, apóstase por reformas que só afectan aos traballadores (atraso da idade de xubilación, aumento do tempo de cálculo para as pensións) e por seguir adelgazando o sector público, debilitando ademais os sistemas de protección social.

Neste contexto e precisamente para buscar medidas que realmente permitan enfrontar a crise económica, a CIG acordou facer un traballo de análise da situación e estudar que medidas sería necesario pór en marcha. Para realizar este estudo, contou coa colaboración de economistas como Xabier Vence, María do Carme García Negro ou Natividade López Gromaz e avogados como Luís Burgos, representante da CIG no CES.

O resultado é o documento “Políticas alternativas para a crise”, do que o secretario xeral da CIG salientou catro aspectos fundamentais: o relativo ao emprego; a política de rendas e a reforma da fiscalidade; a introdución de medidas de control público do sector financeiro e das políticas monetarias xunto coa supresión dos paraísos fiscais e a aposta por unha Banca Pública Galega e unha aposta pola creación de empresas públicas e contra as políticas de privatización.

Emprego

Respecto do emprego, Suso Seixo fixo especial fincapé na necesidade de loitar contra a temporalidade, promovendo a conversión destes contratos en indefinidos respectando escrupulosamente&nbsp causalidade e a supresión do contrato indefinido para o fomento do emprego, que só serviu para rebaixar as indemnizacións por despedimento.

Xunto a iso, a CIG aposta por fomentar a suspensión dos contratos ou reducións de xornada ante unha situación de crise na empresa, no canto do despedimento ou dos EREs extintivos e demanda a revisión da política de subcontratacións e privatización dos servizos públicos.

Outra das propostas que se recollen no documento refírese á necesaria mellora das prestacións por desemprego, o Salario de Inserción Laboral e a implementación de políticas activas eficaces, o que require cambios no servizo público de emprego para a reactivación e mellora profesional das persoas en paro.

Política fiscal

Para a central sindical débese pór en marcha unha reforma fiscal para saír da crise e mellorar a equidade. Entre as medidas a adoptar salienta a creación dun imposto para as grandes fortunas, o estabelecemento de dous novos tramos e tipos marxinais superiores para as rendas altas no IRPF, gravando as rendas do capital; reforma do Imposto de Sociedades; melloras na estrutura e tipos do IVE, con tipos superreducidos para os produtos de consumo básicos; implementación da fiscalidade verde e loita contra a fraude fiscal.

Redefinición do sistema financeiro galego

A CIG aposta pola construción dun auténtico sistema financeiro galego que estaría asentado en tres piares: a creación dun Instituto Galego de Crédito e Investimento; a creación dunha Banca Pública Galega e a constitución dunha Caixa de Aforros Galega.

Diálogo Social

Porén, para a CIG, tal e como explicou o secretario xeral, Suso Seixo, estas medidas non poden quedar só no texto. O obxectivo é que se tome conciencia da situación e que as traballadoras e traballadores se mobilicen na súa demanda.

Alén diso, adiantou que o marco para o seu debate non son as Mesas de Diálogo Social, onde non se tratan os problemas que preocupan á clase traballadora senón a patronal. “Para iso sería necesario cambiar a correlación de forzas”, dixo. Por iso adiantou a intención da CIG de convocar mobilizacións primeiro de carácter comarcal e, naqueles aspectos nos que haxa capacidade, de carácter nacional

Documento:

descargao en: http://www.galizacig.com/avantar/files/documentos/Alternativas%20Crise.pdf

&nbsp

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS